Mato négase a dimitir e rífalle á oposición por pedirlle contas da trama Zeta

Mato e cargos da súa consellería, na comparecencia © Parlamento de Galicia

"Non hai ningunha razón, nin na miña conciencia nin na miña acción ou omisión que me faga pensar sequera en presentar a dimisión". A axenda parlamentaria provocou este venres que a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, tivese que acudir á comisión de Orzamentos a explicar as contas do seu departamento para 2015 en plena treboada política polas revelacións do sumario da Operación Zeta, a presunta trama de fraude de contratos e subvencións para a formación procedentes desta Consellería. Como era de agardar a Mato chovéronlle as peticións de explicacións dende toda a oposición e, dende dous grupos, AGE e BNG, reclamouse directamente a súa dimisión. Uns e outros obtiveron poucas respostas pero si levaron unha boa reprimenda.

Tras a primeira explicación do orzamento a nacionalista Montse Prado comezou reclamando o cesamento de Mato no seu cargo "por dignidade e hixiene democrática", xa que "non está lexitimada" para seguir xestionando fondos públicos, di. Dende Alternativa o deputado Juan Farjado concordou en que Mato "ten que presentar a súa dimisión" e tamén "aclarar" a "cadea de intercambio de favores" lubricada con "cartos de todos os galegos", as comunicacións telefónicas cos presuntos líderes da trama e mesmo o "bolso que recibiu" como agasallo. "A única garantía para saír do desemprego é ter un carné do PP ou ser amigo do PP", lamenta.

Prado (BNG) reclama o cesamento de Mato por "dignidade e hixiente democrática"

Tras a intervención de Prado e Fajardo e despois de que, tamén, a socialista Carmen Gallego reclamase saber se Mato "pode asegurar" que os cartos da trama non se "empregaron para financiar o seu partido", a conselleira retrucou de xeito irado. Para Mato é "absolutamente lamentable" que AGE e BNG centrasen as súas intervencións na petición de explicacións e non nos Orzamentos. "Non vou contestar outra cousa que non sexan os Orzamentos", afirmou, se ben a a continuación lle recomendou a Fajardo que abandone o seu "teatrillo" e abandone o Parlamento para "deixarlle paso a outro que crea na democracia".

Fajardo (AGE) ve a conselleira como "matriz" do caso e esixe aclarar a "cadea de intercambio de favores" da trama

"Sería gravísimo que fixésemos como que non pasa nada", reiterou a voceira do Bloque na súa segunda intervención. "Na rúa hai alarma social, queren que expliquen como usan os cartos públicos", agregou o parlamentario de AGE, quen salienta que cómpre "Falar de que existiu unha fraude brutal" da que Mato, "se non foi cómplice", foi "absolutamente ineficaz" por non freala. "Vostede é a matriz deste caso" e "amiga íntima" destas persoas. Se cadra, suxire, Mato non ofrece explicacións porque "sabe que o que pode dicir a vai implicar máis do que xa está".

Nin Prado nin Fajardo nin tampouco Gallego, que reclama "comparecencias, explicacións, documentos e non máis mentiras" para "loitar contra a corrupción", lograron mover as teses da conselleira. Aínda que o propio sumario do caso reflicte que a investigación comezou a raíz da denuncia de dúas traballadoras Mato teima en que os "mecanismos de control" instaurados polo actual Goberno son os que permiten que "aparezan casos de fraude" e "esta Consellería sexa protagonista de denunciar o caso ante a Fiscalía". "Non serve de nada sementar calquera dúbida", asegura, para culminar desdeñando "os deputados de AGE e BNG" porque está "evidentemente claro cales son os obxectivos destas formacións", especialmente no caso de Alternativa, toda vez que "IU se dedica a asaltar supermercados". Mato tivo tempo, asemade para "pedir perdón", pero "polo que acaba de dicir a voceira do BNG".

Mato, nun intre da comparecencia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.