Mato recoñece que tres dos cesamentos de cargos en Traballo se deben á trama Zeta

A conselleira de Traballo saúda un participante nun obradoiro de formación © Xunta

A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, recoñeceu este venres que os tres cargos do seu departamento que cesaron nos seus postos nas últimas semanas fixérono pola súa implicación na operación Zeta, algo que non asumira ata o día de hoxe. Así, asegura que a marcha dun ex director xeral, un ex xefe de servizo e un ex director xeral teñen que ver con esta trama corrupta que supostamente apañaba subvencións públicas por cursos que non realizaba ou falseaba.

Beatriz Mato recoñece que tres dos cesamentos de cargos en Traballo están "vinculados á trama" de corrupción que se investiga

Beatriz Mato aclarou que o ex director xeral Odilo Martiñá presentou a dimisión "por motivos persoais" para "precisamente estar afastado do Goberno para poder facer mellor a súa defensa", mentres que o xefe de servizo tamén marchou "voluntariamente". Nega, non obstante que sexa unha "crise de goberno encuberta", como denuncia o PSdeG, pero asume que "existiron cesamentos vinculados a esta trama".

Mesmo chegou a conselleira a non descartar novos cesamentos ou destitucións como consecuencia desta suposta fraude en axudas á formación, aínda que insistiu en desvincular as dúas últimas marchas desta operación.

Porque a Consellaría de Traballo rexistra un gran movemento de altos cargos nos últimos tempos, nos que se produciron cinco cesamentos ou dimisións, dúas esta mesma semana. Esta situación levou a secretaria de Organización do PSdeG, Pilar Cancela, a demandarlle "explicacións" a Alberto Núñez Feijoo sobre o que considera "unha crise de goberno encuberta" na Xunta. Cancela lembra, así mesmo, que isto sucede nun departamento, a Consellaría de Traballo, “vinculada a irregularidades nos cursos de formación”.

“O presidente da Xunta e a conselleira de Traballo teñen que dar explicacións inmediatas, dúas persoas con responsabilidades nos ámbitos da formación e da economía social cesaron e os cidadáns esixen información sobre o que está pasando"

“O presidente da Xunta e a conselleira de Traballo teñen que dar explicacións inmediatas, dúas persoas con responsabilidades nos ámbitos da formación e da economía social cesaron e os cidadáns esixen información sobre o que está pasando e queren saber que está a pasar realmente”, sinalou a número dous do PSdeG-PSOE. “Non se deron explicacións convincentes, estamos diante dunha crise de goberno encuberta e nin Feijóo nin Mato dan explicacións sobre o que está acontecendo, mentres vemos que hai investigacións e autos xudiciais que vinculan este caso de cursos de formación cun suposto financiamento irregular do PP”, engadiu.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta Núñez Feijoo, preguntado por estes comentarios, defendeuse atacando

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta Núñez Feijoo, preguntado por estes comentarios, defendeuse atacando, e limitouse a afirmar que Pilar Cancela "era directora xeral nos momentos en que se outorgaban, sen ningún tipo de inspección e control, esas axudas e eses contratos á empresa denunciada pola Xunta e que está en este momento nos xulgados".

En canto aos cesamentos e dimisións apuntadas por Pilar Cancela, Núñez Feijoo afirmou que os seus motivos foron explicados "de forma bastante clara pola conselleira". Odilo Martiñá, director xeral de Relacións Laborais, "cando se tivo coñecemento de algunhas actuacións, como é natural, presentou a dimisión", afirmou o presidente da Xunta, que recoñeceu que os cesados Luis Álvarez Freijido (director de área de Servizos Provinciais da Deputación da Coruña) e Joaquín Vila (xefe de servizo de Emprego) "tiñan unha relación presunta sobre determinados cobros ou percepcións de estas empresas". Os outros dous cesamentos de cargos da consellaría están motivados, segundo fontes do departamento, "por unha reorganización administrativa por motivos estritamente de traballo", unha versión repetida este xoves polo presidente da Xunta.

Odilo Martiñá estivo, presuntamente, a soldo de Gerardo Crespo entre 2006 e 2009, do que podería ter recibido ao redor de 18 mil euros. Foi director xeral ata o mesmo día en que foi imputado no marco da Operación Zeta. Luis Álvarez Freijido tería recibido, segundo as informacións que compoñen a investigación, uns 8 mil euros de Crespo. Joaquín Vila, pola súa banda, aparece no sumario como receptor de varios agasallos procedentes do empresario. 

Martiñá, Álvarez Freijido e Vila aparecen como supostos perceptores de cartos ou agasallos entregados por Gerardo Crespo

Pilar Cancela concluíu lembrando que esta semana o presidente da Xunta “pretendía chegar a un acordo cos socialistas en materia de rexeneración democrática, e dificilmente se pode acadar ningún acordo cun presidente que non sabemos exactamente quen é porque non dá explicacións do que fai nin con quen se relaciona, non é transparente á cidadanía nin dá explicacións no Parlamento de Galicia”. “A rexeneración vai máis alá de dúas ou tres medidas, primeiro exércese e demóstrase e para iso existe o Parlamento de Galicia, en primeiro lugar dando explicacións dos casos de corrupción”, engadiu.

A conselleira de Traballo saúda un participante nun obradoiro de formación © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.