Medio goberno de Santiago, a un paso do banco dos acusados

Sesión da Xunta de Goberno do Concello de Santiago © Concello de Santiago

O concelleiro de Deportes de Santiago, Adrián Varela, chegou ao goberno da capital de Galicia "descoñecendo completamente o funcionamento da Administración pública", segundo lle explicou á xuíza instrutora do caso Pokémon, Pilar de Lara. Uns meses máis tarde, coa caída en desgraza de Conde Roa, comezou a lamentar que o novo alcalde, Ángel Currás, "pase" dos demais edís do Goberno, agás "dous ou tres concelleiros. "Chega un punto no que ou sobrevives ou entras nunha espiral de suicidio", sinaloulle á maxistrada, ante a que tamén considerou que á fronte do gabinete do que forma parte está unha panda de "descerebrados". Na parte do sumario sobre a que xa non pesa o segredo pódese escoitar tamén como Varela lle dedica a outros edís cualificativos máis grosos como "frígida", "mal follada", ou "subnormal". Boa parte dese goberno ao que descualifica está agora a un paso do banco dos acusados a causa de tentar facilitarlle a Varela a súa defensa xudicial con cartos públicos.

A denuncia dun particular asumida pola Fiscalía derivaba, no outono de 2010, na imputación de sete dos trece membros do Goberno que dirixe Ángel Currás. Amelia González, Juan de la Fuente, Cecilia Sierra, María Pardo, María Castelao, Francisco Noya e Luis Bello participaron na sesión da Xunta de Goberno local que aprobou pagarlle o avogado a Varela para defenderse, precisamente, da súa imputación no caso Pokémon. Ese pagamento non se chegou a producir, toda vez que o proceso foi detido a causa da polémica que creou. Non obstante, a denuncia na que a voceira municipal, María Pardo, vía "unha intencionalidade política clara" si seguiu o seu curso.

A Xunta de Goberno pretendía pagarlle ao edil a súa defensa no caso Pokémon

A través dun auto publicado este luns a xuíza Ana López Suevos explica por que concorren "indicios de criminalidade" no xeito de proceder destes edís, ata o punto de deixalos no paso inmediatamente anterior á apertura de xuízo oral. A decisión de pagarlle o avogado a Varela, lembra, estivo apoiada nun informe da Asesoría Xurídica do Concello no que o secretario advertía de que cabía realizar ese gasto, peros se a imputación de Varela tiña a súa "orixe ou causa directa" nunha "actuación administrativa ou doutra índole realizada no cumprimento" do seu cargo e se "a devandita actuación non" fora realizada "con abuso, exceso, desviación de poder ou en converxencia con intereses particulares" ou que finalmente "se declare a inexistencia de responsabilidade criminal".

"Todos" sabían que se trataba da Pokémon

"Todos" os participantes naquela sesión da Xunta de Goberno local, di a xuíza, "coñecían que a causa penal á que fora chamado a declarar" Varela "era a coñecida como Pokémon, que investigaba unha suposta trama de corrupción". Algúns deles "coñecían incluso que o señor Varela estaba imputado por presuntos delitos de suborno, falsidade documental e prevaricación" e, polo tanto, "actos supostamente cometidos non no exercicio das súas funcións", senón realizados "con abuso, exceso, desviación de poder ou en converxencia con intereseses particulares propios ou do seu grupo político" que poden bater cos "intereses propios da Corporación local", polos que lle corresponde "velar" ao goberno local.

A xuíza cre que non houbo "ningunha prevención acerca do importe dos gastos" e cre que os "intereses" de Varela se puxeron por riba dos do Concello

A maxistrada aínda ve máis motivos para seguir adiante. "A asunción de gastos" non estaba condicionada "á absolución de Adrián Varela" e aínda por riba, foi o propio Varela "quen libremente designou o avogado a quen atribuía a súa defensa" e non o Concello. Nesta liña, "o acordo adoptouse sen aprobar partida orzaemntaria concreta" e sen "introducir ningún límite cuantitativo, o que unido a que se permitiu a don Adrián designar libremente o seu avogado, supuxo que non se adoptase ningunha prevención acerca do importe dos gastos", sen a"asegurarse" de que estes non ían ser "excesivos para o erario público municipal".

Así as cousas, López Suevos diríxese á Fiscalía, órgano que xa observou un posible delito no xeito de proceder dos edís, para que en dez días formule un escrito de acusación e solicite apertura de xuízo oral ou ben recomende arquivar a causa. Se o procedemento continúa como ata agora, a metade máis un dos membros do Goberno local compostelán sentarán no banco dos acusados. Mentres, o propio alcalde permanece imputado pola propia operación Pokémon.

Varela, ante un logotipo de Aquagest cun dos presuntos líderes da trama, Henry Laíño © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.