Millán Mon rexeita que a UE defenda os dereitos sexuais das mulleres no mundo

Treito do informe rexeitado por Millán Mon CC-BY-SA Praza Pública

A finais de 2012 o Parlamento Europeo debatía na súa sede de Estrasburgo o Informe anual sobre os dereitos humanos e a democracia no mundo e a política da UE ao respecto relativo ao ano 2011. O documento, de 80 páxinas de extensión e elaborado polo eurodeputado demócrata-liberal lituano Leonidas Donskis, realizaba un repaso polas accións comunitarias neste ámbito, partindo da necesidade de "manter e respectar o papel da UE como primeira defensora dos dereitos humanos, cooperando estreitamente na aplicación no mundo dunha política coherente, ambiciosa e eficaz". Este informe saíu adiante sen votos en contra, se ben algúns eurodeputados, entre eles o galego Francisco Millán Mon, referente do PPdeG nas eleccións europeas do 25 de maio, quixeron facer constar o seu desacordo cos puntos referentes aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.

Xunto ao madrileño José Ignacio Salafranca, Millán Mon utilizou a figura parlamentaria da "explicación do voto" para, "no nome da delegación española do Partido Popular Europeo", deixar claro que "se ben apoiamos" o informe "na votación final, non estamos de acordo coas mencións da saúde e dos dereitos sexuais e reprodutivos". A razón esgrimida para esta oposición foi que o relatorio utilizaba "termos ambiguos" que "se adoitan utilizar para referirse a cuestións sensibles que pertencen á conciencia individual" e sobre as que, "ademais, as institucións da UE carecen de competencia". "Por todo isto pedimos votación por separado e votamos contra destes apartados", aclararon.

Millán Mon e un deputado madrileño alegaron no nome do PP español que estas son "cuestións sensibles que pertencen á conciencia individual"

Pero, que rexeitaban exactamente Millán Mon e Salafranca no nome do PP español? Tratábase de catro puntos que, lonxe de caer en posicións de máximos, puñan o acento en asuntos que adoitan aglutinar consensos, como a garantía dunha saúde sexual e reprodutiva axeitadas para todas as mulleres ou a condena explícita da mutilación xenital feminina ou outras prácticas de submisión das mulleres no ámbito afectivo, sexual e reprodutivo. Así, por exemplo, o primeiro dos puntos criticados era o que instaba a UE a "reforzar a súa acción para eliminar as prácticas de mutiliación xenital feminina, matrimonio precoz e forzoso, delitos de honra e aborto selectivo en función do sexo do feto". Nese mesmo punto o informe destacaba a "importancia do acceso axeitado aos medios médicos" e da "información e educación sobre a saúde e os dereitos sexuais e reprodutivos" para o "benestar das mulleres e das nenas en todos os países".

Contra o "pleno disfrute dos dereitos sexuais e reprodutivos"

O segundo punto rexeitado por Millán Mon advertía de que se "segue prestando unha atención insuficiente ás violacións dos dereitos sexuais e reprodutivos", socavando os acordos internacionais que teñen como obxectivo "abordar a discriminación, incluída a desigualdade por razón de xénero, nas estratexias de poboación e desenvolvemento". "Os avances en materia de saúde reprodutiva víronse limitados nalgúns ontextos por violacións como o matrimonio infantil, precoz e forzado" ou pola "negación da autonomía das mulleres e nenas para tomar decisións libres de discriminación, coerción e violencia sobre a súa saúde sexual e reprodutiva". Por isto o informe pedía "promover a igualdade de xénero" nestes ámbitos.

O informe, que foi aprobado, insta a protexer a "autonomía das mulleres e nenas", a protección fronte á violencia sexual e a asistencia xinecolóxica de calidade

Mentres no Estado español o ministro Ruiz-Gallardón aínda non puxera sobre a mesa a súa contrarreforma do aborto en Estrasburgo os conservadores a través do seu deputado galego explicitaban tamén o seu desacordo coa inclusión nas políticas de desenvolvemento da UE dunha "revisión exhaustiva de todos os aspectos relacionados co pleno disfrute dos dereitos sexuais e reprodutivos". Tampouco consideraban oportuno que a Unión e os Estados membros "velen" por que esta reformulación de obxectivos se realizase coa participación "das distintas partes interesadas, incluída a sociedade civil, así como mulleres, adolescentes e mozas, de participar dun xeito significativo".

Por último, as obxeccións asinadas por Millán Mon e Salafranca referíanse ao punto 125 do informe, no que se lle pide á UE "que colabore estreitamente con ONU Mulleres" para "afianzar os dereitos das mulleres" e, en particular, para "promover a educación sanitaria e programas adecuados de saúde e dereitos sexuais e reprodutivos, que forman parte primordial da política da UE en materia de dereitos humanos e desenvolvemento". Tampouco apoiaron que a Unión "vele por que as mulleres gocen dun acceso equitativo aos sistemas públicos de asistencia sanitaria e uns sistemas de asistencia xinecolóxica e obstétrica axeitados, atendendo á definición da Organización Mundial da Saúde".

Francisco Millán Mon, referente do PPdeG nas europeas © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.