Monforte e Lalín votan os e as representantes das súas parroquias

Presentación do proceso democrático nunha das parroquias lalinenses © Concello de Lalín

O anuncio da fusión dos concellos de Cotobade e Cerdedo, así coma a proposta de PSOE e Ciudadanos para transformar as deputacións provinciais, trouxeron ao primeiro plano da actualidade galega o debate sobre a organización territorial. Se nos niveis superiores reclámase o papel da comarca sobre a provincia, nos niveis máis básicos mantense a reivindicación da parroquia como estrutura organizativa do país, cando menos nos espazos máis rurais.

O Estatuto de Autonomía recoñece a figura da parroquia e sinala a competencia do poder galego sobre a "organización e réxime xurídico das comarcas e parroquias rurais como entidades locais propias de Galicia" (artigo 27). E a Lei de Administración Local de Galicia de 1997 destaca no seu preámbulo que a norma "dota a parroquia rural, de longa tradición no campo galego, verdadeira trama celular da vida local do noso pobo e a seu auténtico sinal de identidade, da condición de ente local de carácter territorial, deixando a regulación da súa organización, funcionamento e competencias a unha Lei posterior". Porén, a cousa quedou aí, e as parroquias manteñen un papel nominal, sen competencias reais nin procesos democráticos que configuren o seu funcionamento político.

Con excepcións. Lalín e Monforte acolleron esta semana procesos participativos para elixir os seus alcaldes ou alcaldesas pedáneas, de barrio ou de aldea, unha experiencia posta en marcha por vez primeira en Lalín este ano, pero que en Monforte se realiza xa por cuarta vez. Foi Severino Rodríguez quen en 2003 puxo en marcha este sistema, polo que a propia veciñanza escolle os seus representantes, en vez de que os pedáneos sexan designados polo alcalde, como viña sucedendo e como sucede noutras localidades. Outros concellos, coma Lugo, tamén ensaiaron hai anos modelos semellantes para elección dos pedáneos, pero finalmente non se consolidou.

Na capital de Terra de Lemos houbo votacións en 2003, 2007 e 2012, e agora vén de completarse un novo proceso, iniciado en novembro

Na capital de Terra de Lemos houbo votacións en 2003, 2007 e 2012, e agora vén de completarse un novo proceso, iniciado en novembro. Monforte conta con 27 parroquias; na maioría non foi necesario votar, pois só houbo un candidato ou candidata, que se presentou ante os seus conveciños e conveciñas reunidas en asemblea, anunciando a súa postulación para o cargo. Nunha delas (Guntín) non se presentou ninguén e noutras tres si houbo que votar, pois había máis dun aspirante ao posto.

Lalín aprobou en outubro un novo Regulamento de Participación Cidadá, no que se recolle este novo xeito de elección dos alcaldes e alcaldesas de aldea (denominación que tamén fixa o regulamento). Daquela, o rexedor Rafael Cuíña destacaba que o obxectivo era a entrada de "aire fresco no concello e de que sexan os propios veciños os que participen de forma aberta e transparente, sen presións clientelares, na toma de decisións que lles afectan de forma directa”. Cuíña enmarca este proceso na loita por dinamizar a actividade das parroquias e aldeas do concello: “Revitalizar o rural, fixar poboación e crear as condicións para que se evite a marcha aos núcleos urbanos é outra das intencións deste Goberno”.

Deberán "informar das necesidades ou deficiencias materiais que observe na parroquia e, asemade, informar á veciñanza das actividades que leve a cabo o Goberno"

O proceso nas 52 parroquias do concello dezao comezou o pasado 10 de febreiro en Albarellos e Alemparte, e rematará o 15 de abril na parroquia de Zobra. A data límite para presentar as candidaturas é de 7 días antes da xornada de eleccións, sendo o prazo para realizar a campaña electoral de de 5 días naturais. O tempo para a celebración das votacións é de 2 horas como mínimo e de 5 como máximo, no local social parroquial, ou, no caso de no habelo, noutro lugar de confluencia veciñal. A función principal do alcalde ou alcaldesa de barrio é a de ser "ponte comunicativa entre a veciñanza da parroquia e o Goberno Municipal". Deberán "informar das necesidades ou deficiencias materiais que observe na parroquia e, asemade, informar á veciñanza das actividades que leve a cabo o Goberno". Ademais, correspóndelle ao alcalde ou alcaldesa de barrio fomentar as canles de participación da cidadanía da súa parroquia.

Cuíña enmarca este proceso na loita por dinamizar a actividade das parroquias e aldeas do concello

Todo proceso democrático necesita ser asumido pola poboación á que fai protagonista. Así coma en Monforte este tipo de eleccións suman xa varias experiencias previas, en Lalín (onde xa votaron 22 das 52 parroquias) hai aínda camiño por percorrer. E estase percorrendo: aínda que en tres das catro primeiras parroquias non chegou a presentarse ninguén, a medida que o proceso foi sendo mellor coñecido, tamén se incrementou o número de candidatos e candidatas; de feito, en 7 das 22 eleccións levadas a cabo ata agora houbo máis de un ou unha aspirante (e mesmo catro en Catasós). Destaca, igualmente, o papel das mulleres, que tamén se incorporan con decisión ao proceso e polo de agora foron elixidas en catro parroquias.

 

Presentación do proceso democrático nunha das parroquias lalinenses © Concello de Lalín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.