Morre aos 82 anos Alfonso Álvarez Gándara, memoria e ponte entre o galeguismo histórico e o que acadou a autonomía

Alfonso Álvarez Gándara (1939-2021) © Fundación Plácido Castro

Avogado que loitou pola democracia defendendo presos do franquismo, foi impulsor de varias formacións políticas e decano da avogacía viguesa ata 2015

Naceu en Tui en 1939, cando a súa familia xa fora golpeada polo franquismo, e vén de morrer con 82 anos. Polo medio Alfonso Álvarez Gándara contribuíu a engrandecer unha saga familiar.

O seu avó, o médico Darío Álvarez Limeses, intelectual e republicano significado en Tui, foi fusilado a finais de 1936, ao tempo que o seu pai, Darío Álvarez Blázquez, tamén médico e impulsor da agrupación local do Partido Galeguista, era detido.

Alfonso Álvarez Gándara nun cartel do Partido Galeguista © Universitat Autónoma de Barcelona / CEDOC

A "casiña de perpiaños" xunto a Samil dos veráns da súa infancia, a carón do exilio interior de Plácido Castro ou Fernández del Riego, era para el "a patria da miña infancia, o recendo de tódalas saudades"

Na súa infancia, como lembraban el mesmo e o seu irmán Darío Álvarez Gándara, tamén médico e escritor, tres anos maior, marcounos o contacto da súa familia con históricos galeguistas do exilio interior. Alfonso e Darío eran dous nenos que tiñan como tío a Xosé María Álvarez Blázquez, que xogaban nunha praia xunto a Samil na que tentaban pasar desapercibidos Francisco Fernández del Riego, Plácido Castro ou uns cataláns que traballaban en Zeltia. Aquela praia, a casiña de perpiaños e planta baixa na que paraban os Álvarez, era para Alfonso “a patria da miña infancia, o recendo de tódalas saudades”.

A elección da avogacía por parte de Alfonso non podía máis que abocalo a defender a detidos do franquismo antes de impulsar o Movemento Socialista de Galicia que acabaría integrándose no Partido Socialista Galego (PSG), polo que foi candidato ao Congreso en 1977. Concelleiro en Vigo de Unidade Galega en 1979, sería secretario xeral do Partido Galeguista entre 1981 e 1984. E a finais desa década converteríase no decano do Colexio de Avogados de Vigo, posto que ocuparía ata 2015. O seu nome o mesmo figuraba nas listas negras de militantes de esquerdas do 23-F que nun manifesto en defensa do galego e contra o decreto do plurilingüismo impulsado hai unha década.

Con Alfonso Álvarez Gándara, igual que co pasamento do seu irmán Darío finado hai seis anos, cae unha ponte de contacto co galeguismo histórico.

Acuarela de Plácido Castro coas illas Cíes © Fundación Plácido Castro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.