Móvete e PSdeG cargan contra o PP pola concesión de contratos ao coordinador do GES da Estrada

Concello da Estrada CC-BY-SA Lmbuga

Hai uns días coñecíase que Carlos Faílde Pereiras, coordinador de Protección Civil da Estrada e encargado do Grupo de Emerxencias Supramunicipais na localidade, beneficiárase con varios contratos públicos da Xunta en materia de telecomunicacións e equipamentos de emerxencias, ben directamente ou a través da concesión a empresas propiedade de familiares.

O PSdeG demanda o cese de Faílde por incumprir a Lei de Incompatibilidades

A nivel local, tanto PSdeG-PSOE coma o Movemento veciñal Estradense (Móvete-Estrada) denunciaron a situación e esixíronlle ao alcalde da localidade, José López (PP), que tomase medidas contra Faílde, demandando os socialistas o seu cese por incumprir a Lei de Incompatibilidades, "que recolle expresamente a prohibición de exercer á vez unha profesión do sector público e outra na empresa privada, cando e exercicio da actividade privada está relacionado de forma directa coa que desenvolve no departamento público, organismo ou entidade na que está destinado".

Móvete vén de revelar que o Concello pagou facturas a nome das empresas relacionadas con Failde, exercendo este como xefe das emerxencias da Estrada. Unhas facturas que entre 2011 e 2014 suman ao redor de 100 mil euros

Pola súa banda, Móvete-Estrada solicitou a comparecencia do alcalde para que explique as adxudicacións feitas pola Xunta á empresa de Faílde. A marea local responsabiliza o Alcalde de que Faílde "leve 6 anos sen asistir ao seu posto de traballo, de que usurpe as atribucións propias do cargo de xefe de emerxencias e de vulnerar a lei de incompatibilidades". Ademais, tamén critica que "asine como coordinador e xefe de emerxencias e protección civil sen estar nomeado por decreto, tal e como recoñeceu o Alcalde en días pasados".

Ademais, Móvete vén de revelar que o Concello pagou facturas a nome das empresas relacionadas con Carlos Failde, exercendo este como xefe das emerxencias da Estrada. Unhas facturas que entre 2011 e 2014 suman ao redor de 100 mil euros. Ante a falta de resposta por parte do alcalde sobre as posibles adxudicacións feitas dende o Goberno local a favor das empresas vinculadas a Faílde, a concelleira Mar Blanco solicitou a información no departamento de Intervención. Blanco denuncia que "no período 2011-2014, exercendo Failde como xefe de emerxencias, son recorrentes as adxudicacións de servizos e pagos de facturas a nome da empresa da que el é administrador, Ricarsat". As adxudicacións abranguían, entre outros contratos, contidos web para o Novo Mercado Municipal por importe de 6.801,75 euros; ou a adxudicación dun curso de “programador de aplicacións informáticas” por un importe inicial de 5.325 euros, e ao que, posteriormente, se ían engadindo novas facturas relacionadas con diverso material para o curso, superando en total os 30.000 euros.

"Queda demostrado que Ricarsat SL e Emersafe SL resultaron beneficiadas nas adxudicacións levadas a cabo polo Concello da Estrada durante a primeira lexislatura de José López", denuncia Móvete Estrada

Ademais, no ano 2013 o Concello da Estrada pagou a favor de Ricarsat un total de 46.594,77 euros en concepto de instalación de repetidores para equipos móbiles e material de alumeado público, entre outras facturas. Neste ano o importe pagado a Emersafe ascendeu a 6.621,97 euros para a adquisición de material de rescate. No ano 2014 a contía que o concello pagou a Ricarsat foi de 7.442,31 euros basicamente en servizos ofrecidos a protección civil. E finalmente no ano 2015 foi Emersafe (sociedade administrada pola muller do traballador público) quen recibiu 2.881,96 euros a través do pagamento de diversas facturas relacionadas co arranxo de vehículos de incendios ou iluminación do campo de fútbol. Para Móvete Estrada, "queda demostrado que Ricarsat, da que o propio Failde é administrador, e Emersafe SL. resultaron beneficiados nas adxudicacións levadas a cabo polo Concello da Estrada durante a primeira lexislatura de José López".

 

O tema chega ao Parlamento

O PSdeG-PSOE esíxelle ao Goberno galego que explique no Parlamento a situación laboral de Faílde, así coma os contratos públicos asinados con Ricarsat

Pola súa banda, o responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, presentou unha serie de preguntas parlamentarias. Díaz Villoslada esíxelle ao Goberno galego que explique na cámara a situación laboral de Faílde, así coma os contratos públicos asinados con Ricarsat, S.L. “ou a calquera outra compañía na que figuren nos seus órganos de administración el ou persoas a el vinculadas”. Pide que o Goberno galego cumpra coa Lei 53/1984 de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, a Lei de contratos do sector público “en materia de prohibicións para contratar”, a Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e todo o corpus normativo comunitario en materia de prevención de riscos da fraude. Quere saber ademais se ten constancia de “eventuais contratos públicos que puidera ter adxudicado o Concello de A Estrada” a estas empresas.

 

Concello da Estrada CC-BY-SA Lmbuga

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.