Navantia inicia o flotel a tres días das eleccións e 20 meses despois do anuncio da Xunta

Corte de chapa do flotel de Pemex en Navantia © Navantia

"Os que incomprensiblemente brindaban porque non acadariamos traballo para os estaleiros galegos, que garden as botellas para a botadura dos floteis". Este era o contido do último chío publicado pola conta aberta na rede social Twitter por Núñez Feijóo para a campaña electoral. É do 29 de setembro de 2012. Hai case un ano e oito meses. A botadura, agora semella que si, está máis preto. O corte de chapa do flotel de Pemex en Ferrol iniciouse, por fin, na mañá deste xoves. A tres días das eleccións europeas, Navantia volve comez os labores do buque para a petroleira mexicana logo de acumular seis meses sen carga de traballo na ría. Vinte meses despois daquel anuncio co que o presidente da Xunta bordeara a lei electoral para solemnizar os encargos de México que se adxudicaron ano e medio despois da promesa do Goberno galego e con cifras bastante inferiores ás que se falaban daquela. Non foi sen tempo.

 

 

Desta vez, non hai responsables políticos nun corte de chapa que dá inicio á construción do flotel e pon fin a unha longa etapa sen traballo en Navantia. Non obstante, e segundo informan os propios responsables da construción do buque, os labores darán traballo a entre 300 e 400 operarios durante uns 29 meses nos que se completarán máis dun millón de horas de traballo. Son moitos menos dos "3.000 empregos para os próximos dous anos" que Feijóo prometera naquel preacordo con Pemex de setembro de 2012 e tamén menos dos 1.300 empregos directos cos que conta o estaleiro. Ademais, a incidencia desta construción sobre as auxiliares, nas que se despediron unhas 4.000 persoas nos últimos anos, será moi pequena.

No flotel traballarán uns 400 operarios como máximo, fronte aos 1.300 empregos directos cos que conta o estaleiro de Ferrol

Tan só a quinta parte do cadro de persoal de Navantia-Ferrol traballará neste flotel cuxos traballos non se desenvolverán polo momento en Fene, onde se mantén o vento á construción civil ata o vindeiro 2015. Foi un dos talleres da antiga Bazán o lugar onde se produciu un momento simbólico a primeira hora de mañá, e que dá comezo a uns traballos que prevén entregar o barco en xullo de 2016. Segundo Juan Manuel López, enxeñeiro xefe, e José Cea, xefe do taller, será a mediados do mes que vén cando se estea xa a "pleno rendemento". Tamén estivo presente neste acto interno o subdirector de fletamento de PMI Internacional, José Luis Hernández, que se mostrou optimista de cara a novos encargos para Galicia.

Esta será a segunda boa noticia que chegará aos estaleiros de Ferrol a poucos días dos comicios europeos. Dous días antes do inicio da campaña electoral, Feijóo anunciou a construción dun dos dous novos buques de acción marítima (BAM) para a Mariña. De feito, mañá mesmo, e un día antes da xornada de reflexión, o Consello de Ministros aprobará un acordo para o gasto plurianual destes barcos dos que se encargará Navantia. Será un novo impulso a poucas horas das votacións duns traballos nos que, segundo a Xunta, poderán empregarse 500 operarios, unhas cifras que o comité de empresa reduce a 260. Nos dous estaleiros da ría, o de Ferrol e Fene, traballan 2.300 persoas.

O comité de empresa e os sindicatos insisten en que a carga de traballo non é suficiente e reclaman que se cumpran cos compromisos feitos para o naval e que se confirmen os detalles da construción do BAM, que se prevé para o outono. De feito, hoxe mesmo varios traballadores manteñen un peche nos estaleiros que finalizarán ás 17 horas para celebrar daquela unha manifestación. Ademais, delegados sindicais repartiron folletos no acto de hoxe no que se destacaba o escaso impacto que o flotel e o buque da Mariña terán nos estaleiros. 

Ao tempo, e no mesmo día no que comeza o corte de chapa do flotel, La Voz de Galicia adianta que Pemex construirá en México os 16 buques aos que optaban tamén estaleiros galegos e que, finalmente, serán asumidos no seu desenvolvemento técnico pola firma asturiana Armón.

Corte de chapa do flotel de Pemex en Navantia © Navantia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.