A SÚA QUENDA, SEÑORÍA
Cal é a súa principal motivación para optar a entrar no Parlamento?
A principal motivación foi a mesma que me levou hai catro anos a estar na candidatura socialista: un cambio político que chegue a Galicia e que mellore a calidade de vida dos galegos e, en concreto, a dos ourensáns e ourensás. Entendo a política como motor de cambio e a maneira de activalo é participar activamente nela.
Por que a cidadanía debería votar por vostedes?
O PSdeG é a mellor opción porque somos a alternativa e a alternativa dentro da esquerda, que é máis necesaria ca nunca para reverter a situación na que estná Galicia e Ourense, provincia convertida polo PP nun deserto de oportunidades. Temos un programa que o noso candidato Fernández Leiceaga se compromete a cumprir e que está baseado nas políticas sociais e na creación de emprego. E ademais, nel reflíctese como o imos levar a cabo e en que prazos. Somos a alternativa da esquerda e o partido que precisan os galegos.
Cal é a medida máis urxente que precisa o país despois do 25-S?
A medida máis urxente é a creación de emprego, dun emprego moi estable fronte á precarización destes últimos anos, consecuencia das medidas do PP, entre elas e como base a reforma laboral, que contribuíu á mala calidade dos traballos. A primeira medida á que se comprometeu Leiceaga é a poñer en marcha un plan de emprego para a creación de 10.000 postos de traballo en Galicia.