"Non debemos consentir baixo ningún concepto que a dereita goberne esta cidade"

Jorge Suárez, durante a entrevista CC-BY-SA Praza Pública

Hemeroteca

No acto de investidura como alcalde de Ferrol, hai case catro anos, Jorge Suárez pechou a súa intervención citando a Albert Camus, que escribiu “no máis cru do inverno aprendín que dentro de min hai un verán invencible”. Suárez aplicou a frase a Ferrol, concluíndo que "esta cidade leva un inverno eterno e, dende logo, merece un verán invencible". 

A ilusión coa que Ferrol en Común chegou ao Goberno local moi pronto atopou múltiples obstáculos internos e externos, ademais da hostilidade dalgúns medios de comunicación. E, trala ruptura do acordo co PSdeG-PSOE, enormes dificultades para aprobar proxectos ou os propios orzamentos. Ferrol arrastra dende hai décadas unha moi negativa situación económica que está a levar a unha gran diminución da poboación e ao seu envellecemento. 

"Se volvese atrás reeditaría ese pacto, aínda que coa idea de xestionalo doutra maneira, pero sabendo que é imprescindible o entendemento da esquerda"

Unha crise que xerou unha imaxe dun Ferrol decadente que Suárez cre "inxusta" e que "non se corresponde coa realidade", reivindicando pola contra "un Ferrol alegre", no que se fan cousas, unha cidade de barrios que loita por saír adiante. Falamos con el sobre os seus catro anos de mandato, as súas expectativas para o 26M e os retos inmediatos do Concello de Ferrol.

Que é o que valora máis negativamente da xestión realizada. Máis aló dos obstáculos que puido haber, que medida ou acción lamenta máis non ter aprobado?

A municipalización da recollida de residuos era factible, aínda que se necesitaba unha maioría suficiente e, ademais, estaba o condicionante de manter os convenios dos traballadores na tarifa máis económica. Pero non o conseguimos e queda no debe do noso mandato por falta de decisión. Hai que ser autocríticos -eu sempre o son- e creo que ese é o noso principal debe.

"A municipalización da recollida de residuos era factible. Non o conseguimos e queda no debe do noso mandato por falta de decisión"

Que é o que valora máis positivamente?

Quedo coa gratitude aos seis concelleiros e concelleiras que dende a ruptura do pacto co PSOE entregaron todo para sacar esta cidade adiante. E por iso creo que o mellor foi a súa lealdade e capacidade de traballo. Non vou dicir un proxecto concreto porque me parecería inxusto para o resto.

Como valora a actitude que mantivo nestes catro anos o PSdeG-PSOE, necesario socio de goberno para un executivo de esquerdas?

No ano 2015 sabíase que si ou si estabamos condenados a entendernos e se volvese atrás reeditaría ese pacto, aínda que coa idea de xestionalo doutra maneira, pero sabendo que é imprescindible o entendemento da esquerda. Os que apostamos pola unidade popular, defendemos o diálogo e o entendemento. Lamentablemente, en cada localidade ás veces isto depende do carácter de determinadas persoas á fronte dos partidos.

Jorge Suárez, alcalde de Ferrol, nun acto electoral © EnMarea

"Tanto se nós temos máis votos ou se os ten o PSOE, a esquerda vai gobernar esta cidade"

Con Ángel Mato hai posibilidade dun mellor entendemento do que houbo nestes anos con Beatriz Sestayo?

Estou convencido. Ninguén quere falar de pactos antes dunha cita electoral, todos din que queren unha maioría suficiente para gobernar sen necesitalos. Pero hai que ser realistas e nesta cidade a esquerda se quere gobernar ten que chegar a un pacto de coalición. Parece que non gusta que diga isto no medio dunha campaña, pero creo que é necesario sentar as bases dende xa e lanzar mensaxes en positivo de que ese acordo é posible.

No caso de que a esquerda teña maioría e o PSdeG-PSOE sexa a opción máis votada, Ferrol en Común votaría a favor da investidura de Ángel Mato e estaría disposto a entrar nun goberno de coalición? Vostede apoiaría esa opción?

Esa é unha decisión que non me corresponde a min, tería que votala no seu momento a asemblea de Ferrol en Común. Pero a nivel persoal considero que non debemos consentir baixo ningún concepto que a dereita goberne esta cidade, porque sabemos das consecuencias en termos de emprego, de pobreza, de desenvolvemento urbano. Polo tanto, tanto se nós temos máis votos ou se os ten o PSOE, a esquerda vai gobernar esta cidade. Ferrol en Común, PSOE e BNG temos que cooperar para construír algo máis sólido do que houbo nestes catro anos, nos que moitos lle deron as costas á cidade.

"Ferrol en Común, PSOE e BNG temos que cooperar para construír algo máis sólido do que houbo nestes catro anos"

Nestas eleccións preséntanse dúas candidaturas formadas en parte por persoas que no 2015 formaban parte de Ferrol en Común. Esta división debilita as opcións de revalidar a Alcaldía?

Cando penso na unidade popular en Galicia nos últimos anos véñenme á cabeza dúas imaxes: a escena da "Fronte Xudaica Popular" dos Monty Python e tamén esas pizarras policiais con moitos nomes e fotos conectadas que se ven nos filmes de detectives. Porque ás veces é difícil mesmo para as persoas máis activistas saber que partidos ou correntes hai, e o que opinan uns de outros. Sobre as persoas que estaban no proxecto de Ferrol en Común e que decidiron baixar en marcha e montar outros proxectos non teño nada que dicir. Non nos afecta, seguimos o noso camiño, que é o de revalidar a Alcaldía.

"Fiar todo á situación dos estaleiros fai que dependamos en exceso dos ciclos de suba e baixa dos encargos no naval"

É a dinamización económica e o emprego a clave para reverter a crise demográfica e o envellecemento da cidade?

Para min o principal e o núcleo do problema é o emprego. Esta cidade ten unhas instalacións fabulosas para construír buques nun estaleiro público que chegou a estar en risco de desaparición por culpa das políticas do PP, que quería desmantelalo, e que aínda sofre a consecuencias da entrada no tratado de Maastricht. Pero fiar todo á situación dos estaleiros fai que dependamos en exceso dos ciclos de suba e baixa dos encargos no naval. É necesario impulsar políticas que favorezan unha economía circular, máis pechada, de apoio ás persoas que montan unha pequena empresa e que buscan vencer a barreira dos falsos autónomos. O concello ten que apoiar isto reducindo as taxas a estas persoas, impulsando a creación directa de postos de traballo no sector primario.

Nestes catro anos conseguiuse avanzar nestes obxectivos?

Creo que si. Polo Centro de Emprego Municipal, que fai un traballo moi importante con cursos e orientación para mozos e mozas ou para parados de longa duración, pasaron cada ano máis de 4.000 persoas. Os datos están aí: nestes catro anos creamos 1.500 postos de traballo e pasamos dunha taxa de desemprego ao redor do 30% a estar por debaixo do 18% e creo que algo tivemos que ver nós.

"Estou en contra do control dos medios de comunicación, pero hai que poñer luz sobre a falta de ética destes empresarios"

Hai unhas semanas denunciou publicamente o tratamento mediático recibido polo Goberno municipal de Ferrol por parte de La Voz de Galicia. Que valoración fai deste tratamento? Sorprendeuno a repercusión que tiveron as túas palabras?

Temos en contra uns medios de comunicación que foron moi hostís con nós porque dende o Concello non lles entregamos ás súas empresas unha determinadas subvencións. Unha mañá collín un rebote moi importante pola publicación dunha noticia medio manipulada e quixen contar o que pasa aquí, na Coruña, en Vigo, en Lugo e noutros lugares. Esta empresa (e outras) teñen un papel moi importante na nosa democracia; eu estou en contra do control dos medios de comunicación, pero si que hai que poñer luz sobre a falta de ética destes empresarios. Falo dos empresarios, non dos xornalistas, cos que si teño unha relación excepcional. A verdade é que quedei moi sorprendido pola cantidade de felicitacións que recibín nos días seguintes por terme decidido a falar abertamente de algo que tamén pasa noutros lugares. Non o considero un mérito, simplemente contei o que sucede cun xornal que se converteu na peor guía turística para esta cidade.

Jorge Suárez, na súa investidura, en xuño de 2015 Dominio Público @AnngelGR

"Nestes catro anos non houbo ningún avance real, nin no tren, nin en relación co Estaleiro 4.0, nin en relación co Convenio de Defensa"

En Ferrol é especialmente importante a relación que o Concello establece con outras administracións, nomeadamente o Ministerio de Defensa. Hai algúns temas (o Convenio con Defensa, o edificio de Aduanas, o estaleiro 4.0, o tren de proximidade...) pendentes dende hai anos. Como valora o sucedido neste mandato? Cambiou a relación coa chegada o PSOE ao Goberno central?

Creo que houbo tres fases diferentes: o inicio do mandato, cando chegamos e irrompemos con moita forza, porque eramos unha ameaza para o sistema establecido. Neses primeiros momentos recibimos unha atención exquisita por parte de Ana Pastor e tamén en varias consellerías da Xunta. Nunha segunda fase, despois de que non se acadasen nas eleccións xerais e galegas os resultados que esperabamos, foi máis difícil acceder a estes despachos. E, finalmente, nesta última fase de goberno socialista recuperamos a comunicación e hai boas perspectivas de futuro, por exemplo co Ministerio de Defensa. Pero a realidade é que nestes catro anos non houbo ningún avance real, nin no tren con Coruña ou o tren do norte de Galicia, nin en relación co Estaleiro 4.0, que aínda non sabemos se se vai construír ou non, nin en relación co Convenio de Defensa.

Cre que neste mandato vai haber avances no tren de proximidade?

Nese tema temos a cabeza ben alta. Fixemos todo o posible, participamos nas iniciativas das plataformas, mantivemos varias xuntanzas coa Xunta e máis aló de estudos e proxecto non conseguimos avances reais. Creo que agora vén o vento a favor e oxalá que nestes catro anos vexamos obras e accións concretas e non só proxectos, que diso xa temos moitos.

"O urbanismo é importante, pero nós cremos que as políticas deben estar centradas nas persoas: as políticas de emprego, benestar, cultura..."

Urbanismo e vivenda, sobre todo cos proxectos que están en marcha ou con fondos europeos outorgados, van ser unha das claves deste mandato?

O urbanismo é sempre unha das pezas centrais da xestión municipal. Nós estamos satisfeitos co inicio da reforma da Praza de Armas, co comezo das obras no Mercado de Caranza e nos bloques de Recimil e tamén coas actuacións que están a piques de comezar en Santa Mariña. O urbanismo é importante, pero nós cremos que as políticas deben estar centradas nas persoas: as políticas de emprego, benestar, cultura...

É incrible a cantidade de persoas que viven soas na cidade e que non teñen a ninguén. Varias veces ao ano os bombeiros atopan unha persoa que levaba un tempo morta no seu domicilio. Iso é intolerable para unha administración e esta debe ser a prioridade, por riba de obras e demais. E o mesmo pasa coas políticas dirixidas á mocidade: se a mocidade non ten estímulos para quedar aquí, o primeiro que quere facer ao rematar os seus estudos é marchar de aquí, en parte por non vendemos ben o que é Ferrol.

"A realidade é que a ría está depurada e que levamos catro veces ao pleno unha taxa máis económica, que ao ser rexeitada provoca que a cidadanía estea a pagar máis"

Un dos temas fundamentais, sobre todo no comezo do mandato, foi a municipalización do servizo de auga e saneamento. Por que non puido levarse adiante?

Co tema da municipalización demos pasos claros e decididos: o primeiro que fixemos foi paralizar unha taxa inxusta, porque se estaba a cobrar por unha depuración que non existía; ademais, abrimos varias auditorías e levamos o tema ao xulgado, que non nos deu a razón, unha sentenza que recorremos. Máis non podemos facer de momento. A realidade é que a ría está depurada e que levamos catro veces ao pleno unha taxa máis económica, que ao ser rexeitada provoca que a cidadanía estea a pagar máis por ese saneamento. Hai que ser conscientes de que os procesos de municipalización poden levar anos e quizais pecamos de optimistas pensando que o obxectivo se ía acadar máis rápido.

A municipalización do servizo de recollida de residuos vaise completar nos vindeiros catro anos?

Cando chegamos, ese contrato estaba nunha fase de licitación por parte do Partido Popular, e podía ter consecuencias moi lesivas para Ferrol. O que fixemos foi renunciar a ese contrato e amparados nun informe do Tribunal de Contas iniciamos un proceso de municipalización. Non deu tempo a materializalo, pero é viable e cando se logre no próximo mandato Ferrol será unha cidade pioneira en todo o Estado.

Mantense a aposta pola peonalización do centro da cidade?

Mantemos a aposta e, ademais, de forma inmediata. A peza central para iniciar ese proceso era a reforma da Praza de Armas que vén de comezar e temos tamén os aparcamentos disuasorios xa adxudicados ou coa licitación en marcha. A pesar da presión en contra dun grupo de comerciantes, demos pasos adiante, na Rúa Real, nun treito da Rúa María e na Rúa Pardo Baixo e no vindeiro mandato a peonalización do centro vai ser unha realidade, porque estamos no século XXI.

"No vindeiro mandato a peonalización do centro vai ser unha realidade, porque estamos no século XXI"

Moléstao que a imaxe que se xerou sobre Ferrol no resto de Galicia e do Estado se centre na "decadencia", comparacións con Ferrol, cunha cidade morta, ou cun tópico de cidade clasista, con sectores moi conservadores?

Eu creo que esa imaxe non se corresponde coa realidade. Esa cidade clasista penso que foi quedando atrás, e hai ademais un Ferrol alegre, un Ferrol feminista, un Ferrol no que o Sindicato de Estudantes fai un traballo modélico nas súas mobilizacións. Ferrol perde poboación, pero é inxusto falar da decadencia da cidade cando a cidadanía leva a cabo múltiples iniciativas que lle dan a Ferrol unha vida moi activa e cando se está a facer un grande esforzo en rehabilitación, cun investimento de 15 millóns de euros nos últimos anos. Despois, está tamén o tópico de considerar que Ferrol é só o centro da cidade, cando hai barrios como Esteiro, Ultramar, Canido, Catabois que teñen moita vitalidade.

"É inxusto falar da decadencia da cidade cando a cidadanía leva a cabo múltiples iniciativas que lle dan a Ferrol unha vida moi activa"

Que aprendeu nestes catro anos?

Este longo proceso fíxome máis forte e máis valente a forza de paus. Aprendín que custa moito manterse sendo un mesmo durante catro anos cando o que te rodea é especialmente agresivo. Non quero caer no vitimismo, pero aprendín que hai que estar sempre en todo momento coa coiraza posta.

E que perdeu?

O primeiro que perdes é estar coa túa familia. Non poder ver como crecen os teus fillos tanto como che gustaría é algo que doe e que, pasado o tempo, fai que te preguntes se isto pagou a pena. Pero creo que si pagou a pena.

"Este longo proceso fíxome máis forte e máis valente a forza de paus"

Como afeccionado ao atletismo e correr, sobre todo, en carreiras populares, con que proba poderiamos comparar a política municipal?

Para min a carreira máis dura que hai é a Milla, porque é un sprint continuo que tes que manter durante máis dun quilómetro e medio. E a política municipal é algo semellante: en catro anos tes que dar todo o que tes para poder cumprir os proxectos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.