Non destinar o superávit aos bancos, máis grave para Rajoy que cometer abuso de autoridade

Mariano Rajoy, nun acto público recente © Goberno de España

Despois do anuncio, a letra miúda. Tres días despois de que a vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría anunciase os trazos máis mediáticos da primeira Lei de Transparencia de ámbito estatal o Goberno central vén de facer público o contido íntegro do anteproxecto. Pendurado nunha web que permite realizar achegas cidadás o texto articulado serve para confirmar que a nova normativa terá, en boa medida o papel de sostén sancionador da ríxida regulamentación que o gabinete de Mariano Rajoy está a aplicarlles ás finanzas públicas. Se na Lei de Estabilidade a política económica e financeira do Estado se consagra ao control do déficit e ao pagamento da débeda, coa Lei de Transparencia lánzase unha advertencia ao conxunto de xestores públicos: tal e como ten detallado Praza Pública, os gobernantes que non destinen o superávit das súas contas -cando chegue- a pagar débeda, isto é, a abonar cartos á banca, serán sancionados.

Pero se a mera imposición de sancións por esta circunstancia é xa indicativa non o é menos a súa comparación con outras infraccións que tamén estarán incluídas na normativa de transparencia e que resultan toda unha novidade no escenario político do Estado. Atendendo ao anteproxecto, todas as posibles infraccións "en materia de xestión económico-presupuestaria" son, por defecto, "moi graves". Entran neste apartado, pore xemplo, "o incumprimento deliberado" de achegar o superávit das contas públicas a pagar débeda, a "non formulación dun plan económico financeiro" para recortar o déficit ou a "non atención ao requerimento do Goberno" do Estado para cumprir os propios obxectivos de estabilidade orzamentaria.

O abuso de autoridade, un tipo de prevaricación administrativa, será "grave", pero todas as posibles infraccións económicas serán "moi graves"

Fronte a isto, no apartado de "infraccións disciplinarias" non todas teñen a mesma importancia. Nomeadamente, o anteproxecto estipula que, mentres que será "moi grave" non ser ríxido no pagamento das débedas bancarias, será só "grave" o "abuso de autoridade no exercicio do cargo" -o abuso de autoridade é un tipo de prevaricación administrativa, tipificado no Código Penal- ou a "emisión de informes e adopción de acordos manifestamente ilegais". Do mesmo xeito, son "leves" a "incorrección cos superiores, compañeiros ou subordinados" e o "descuido e neglixencia no exercicio das súas funcións". Non obstante, no apartado disciplinario si hai lugar para as infraccións "moi graves". É o caso, por exemplo, o "incumrpimento do deber de respecto á Constitución" e aos Estatutos de Autonomía, a "discriminación" por raza, sexo, idade, orientación sexual, lingua ou opinión, entre outros factores, a "obstaculización ao exercicio das liberdades públicas e dereitos sindiacias", a "realización de actos encamiñados a coartar o libre exercicio do dereito de folga", quebrantar os servizos mínimos ou o "acoso laboral".

Para as infraccións moi graves a Axencia Estatal de Transparencia, Avaliación das Políticas Públicas e de Calidade dos Servizos poderá impoñer diversas sancións, que van dende a "declaración do incumprimento e a súa publicación no Boletín Oficial do Estado" ata a "destitucións nos cargos públicos" ou a inhabilitación "durante un período de entre 5 e 10 anos".

Mariano Rajoy, nun acto público recente © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.