"Non tería sentido unha consulta na que non participasen os partidarios do 'non"

Bandeiras independentistas nun balcón en Cataluña CC-BY-SA Núria_nur

O catalán Pere Tobaruela (Barcelona, 1964) vive desde hai tempo en Rois, desde onde escribe as súas obras en catalán, galego ou castelán. Ten máis de corenta títulos publicados e exerce como coordinador da Assemblea Nacional Catalá-Galiza, que naceu para "difundir o coñecemento do proceso de independencia" no país, así como para "transmitir e difundir valores de democracia participativa e demandar que se escoite a voz da xente". Recoñece que o actual momento do devandito proceso "parece un xogo de nenos", pero insiste en que falta "información axeitada" sobre o que acontece na súa terra e "sentido común" entre os políticos. Ante a prohibición da consulta que fará o Tribunal Constitucional, o voceiro da ANC en Galicia non cre que fose positivo "sacar as urnas igualmente" se non é toda a sociedade catalá a que está convocada a votar.

En que momento se atopa o proceso catalán tendo en conta que ningunha da dúas partes parece ceder?

Para quen non coñeza o proceso catalán a fondo, que creo que é o 99,9% da xente do común, isto parece un xogo de nenos. Hai falta de información e é interesada. Estase xogando unha partida de póquer e a lectura que se fai desde fóra é que a cuestión é partidista, xa sexa de formacións catalanistas ou españolistas, pero nada se transmite de que, alén da cuestión política e dos partidos, hai moitísima xente na que predomina o sentimento. Estas persoas, entre as que me inclúo, imos seguir. Chegará a seguinte Diada e nós seguiremos aí.

"A quen non coñeza o proceso catalán a fondo, isto pareceralle un xogo de nenos"

Cre que non están a actuar ben os políticos?

Pedimos unha información axeitada nos medios e sentido común aos políticos porque unha situación política tense que resolver politicamente e non nos tribunais. Temos o exemplo de Escocia, onde creo que todo o mundo gañou. Agora as dúas partes vanse sentar e chegar a acordos políticos e iso é o importante. Non nos debemos quedar coa lectura simplista de que isto só é un xogo entre partidos porque non o é. Pero como a clase política está desnortada e sen credibilidade, inténtase que o proceso tamén careza de credibilidade. E falta madurez.

Por parte de quen?

O exemplo máis claro de pouca madurez no Goberno central é o caso da lei do aborto. Segundo os seus intereses, cambia os seus criterios e, como ven que se está a formar unha fronte común para derrotalos, eles intentan crear a súa fronte común no conflito catalán.

"A ANC defende a independencia pero esta ten que nacer dunha votación; se sae que non, pois será que os cataláns non queren ser independentes"

En Cataluña tamén parece haber unha fronte social maioritaria a favor da consulta...

A Assemblea Nacional Catalá (ANC) vai seguir amosando e demostrando á cidadanía que seguimos a reivindicar un dereito pacificamente e que cremos na democracia. Seguiremos insistindo no que cremos que é xusto. Defendemos a independencia, pero esta ten que nacer dunha votación e queremos votar para que se decida. Se sae que non, pois será que os cataláns non queren ser independentes.

O Goberno insiste en que unha parte non debe decidir sobre o todo.

Iso é moi simplista, pero que agardar de lugares onde poden votar netos de emigrantes de Arxentina ou onde votaron mortos? Esa mesma xente di que ten que votar todo o territorio español para decidir o futuro de Cataluña, que é como dicir que eu, que vivo en Rois, podo ir votar nunha cuestión que afecte os veciños de Dodro.

Tamén acusan o independentismo e aos partidos soberanistas de querer dividir.

Nós non queremos dividir nin restar, pero hoxe falar de que non hai fronteiras é unha falacia. A UE quérenos facer crer que non existen fronteiras no mundo e iso non é verdade. O que si é certo é que hoxe en día teñen menos sentido ca nunca. Non é cuestión de construír muros, nin moito menos, senón de levar as túas propias rendas no ámbito económico, de decidir por ti, nada máis.

"O PSOE está desnortado e indefinido, móvese nese mundo de brétemas de Ulises"

Que opinión lle merece a actitude do PSOE no proceso?

O PSOE agora está nese mundo de brétemas de Ulises, os ventos levárono e agora intenta agarrarse a algo para volver a algún sitio. As principais características deste partido agora son o seu desnortamento e indefinición.

O Constitucional anulou a lei de consultas catalá e o propio referendo, cre que haberá votación igualmente?

Na miña opinión persoal, como Pere Tobaruela, creo que sería unha equivocación sacar as urnas igualmente, porque unha votación válida sería aquela na que puidesen votar todos os que están a favor da independencia e todos os que non. Se logo de que nos poñan todos estes atrancos, sacamos as urnas igual, o resultado estaría totalmente desprestixiado porque non tería sentido participar nunha consulta onde os que apostan polo non rexeitan participar ou se atribúen toda a abstención. Outra cousa é que se faga un acto simbólico para reivindicar o referendo, como medida de presión. As cartas teñen que estar boca arriba; temos que xogar limpo e no mesmo taboleiro.

Pero ERC insiste na desobediencia civil...

Iso habería que preguntarllo a ERC. En todo caso, interpreto que a desobediencia civil vai no sentido de desobedecer a lei española, pero hai quen o interpreta como se alguén fose optar pola kale borroka, e non é iso.

Que é, daquela?

Hai unha lei de consultas catalá e os cataláns rexémonos por ela. Por que rexerse pola norma española se non me sinto representado? Se os meus representantes aprobaron esta lei de consultas, por que non ampararme nela? Non perdamos de vista que a fronte política común é moi ampla e iso debería facer xa que o Gobenro central se sentase nunha mesa a negociar.

"Temos moi claro que a nosa reivindicación nunca será violenta; sempre será pacífica e ofrecendo diálogo"

Non parece que iso pase, teme que esa "revolución tranquila" da que se presume non sexa así a partir de agora?

Para nada. Desde a ANC estamos facendo un esforzo continuo por situarnos sempre na resposta pacífica e democrática. Non se pode contestar como a outra parte, rexeitando o dialogo, senón ofrecéndoo con tranquilidade. Sempre pode haber grupúsculos que aproveiten a situación, pero temos moi claro que a nosa reivindicación nunca será violenta. E cando falo en primeira persoa refírome a millóns de persoas que saen á rúa de maneira pacífica, porque non somos catro gatos, nin moito menos. Cómpre lembrar iso porque algúns parecen non entendelo.

Cre que, se todo segue igual de atrancado, podería chegar Cataluña a declarar a independencia de maneira unilateral?

Todo é posible tendo en conta que os partidos cataláns tamén teñen os seus propios intereses, pero hai dous ámbitos: aquel no que se moven os partidos e aquel onde se move a xente e os movementos sociais. As organizacións políticas teñen os seus intereses e poden facer o que mellor crean, pero a ANC pode compartir ou non o que fagan.

"No caso de que chegase a independencia, haberá tempo para negociar; isto non é cuestión de marchar e esquecerse de todo"

Cóstalle explicar en Galicia o que está a acontecer en Cataluña?

En Galicia hai unha sensibilidade a entender o proceso, pero a polaridade é terrible. Hai moitísima xente na que callou o discurso ese de que os cataláns somos un pedichóns que queremos marchar... Ninguén entende que, no caso de chegar a independencia, haberá ano ou ano e medio de negociacións, cada país terá que apandar coa súa débeda... Non é cuestión de marchar e esquecerse de todo. A xente do común, a que non analiza con detalle o proceso, está desinformada.

Pere Tobaruela, coordinador da ANC-Galiza © ANC-Galiza

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.