NÓS leva a petición de dimisión de Baltar ao concello no que é edil

Noa Presas (centro), con Marcos Paz e Tereixa Paz ante a casa do Concello de Esgos CC-BY-NC-SA NÓS

Esgos é, dalgún xeito, a zona cero do baltarismo. Alí naceu José Luis Baltar e alí é concelleiro José Manuel Baltar, nunha corporación na que o PP ten 8 edís e o PSdeG, 1 -no anterior mandato, os 9 eran populares-. Malia non ter representación municipal, o BNG apostou por trasladar tamén alí a petición da dimisión de Baltar fillo pola denuncia da muller que o acusa de ofrecerlle un posto de traballo a cambio de sexo, baseando a acusación nas gravacións que, publicadas por eldiario.es, amosan o barón popular gabándose de poder alterar o resultado dun proceso selectivo no ente provincial. Neste contexto, a candidatura na que se integra o Bloque, NÓS, apoiou tamén este sábado a esixencia de destitución.

A cabeza de lista de NÓS por Ourense, Noa Presas, xunto á deputada Tereixa Paz e ao tamén candidato Marcos Paz, trasladouse ata o consistorio para rexistrar a moción que, promovida polo Bloque en diversos concellos da provincia, esixe o cumprimento dos acordos plenarios que, nas últimas semanas, reclamaron a "dimisión inmediata". Despois de que o conservador, ademais de negarse a dimitir, asegurase ter recibido "ducias" de desculpas de "cargos" de PSdeG e Bloque por este caso, Presas coida que "xa basta": "Ninguén lle pide perdón, obviamente; o que se lle esixe é que dimita" pola "vergoña deste escándalo" e mais pola súa "concepción das institucións como moeda de cambio", afirma a candidata.

Noa Presas: "Ninguén lle pide perdón, obviamente; o que se lle esixe é que dimita"

Nesta liña, a moción presentada resalta que "aquí non se está a falar en termos xurídico-administrativos" ou xudiciais, senón "estritamente políticos". José Manuel Baltar, din, ten xa a "lamentábel distinción de ser o primeiro presidente que por acordo plenario non só é reprobado na Deputación de Ourense en case 200 anos de existencia, senón que a maiores foille solicitada a dimisión". "Na súa toma de posesión -lembran- dixo que o seu era un compromiso inquebrantábel coa transparencia" pero "polo que se ve, parece que a súa memoria é moi fráxil", ironizan.

"Todos escoitamos o que dixo sobre a modificación de procesos de selección, iso xa sería por si só motivo suficiente para que abandone a Deputación"

Tanto a reprobación como a petición de dimisión, destaca o documento, prodúcense nun caso no que "se mesturan o abuso de poder, a violencia machista e o abuso de autoridade de quen se cre por riba do ben e do mal e entende as institucións ao seu servizo, non ao servizo do pobo". O feito de que este sexa un asunto "complexo", abondan, non pode "empregarse como escusa para eludir responsabilidades políticas". 

"Todos escoitamos o que José Manuel Baltar dixo" nas gravacións reveladas por eldiario.es "sobre modificación de procesos e selección". Isto, advirten, xa sería por si só "motivo suficiente para que abandone a institución". "Pero tamén escoitamos e lemos sobre o intercambio de favores sexuais cunha promesa de emprego polo medio". Esta, afirman, é "unha gravísima acusación ante a que non se deu unha soa explicación". Por todo isto, conclúen, "reafirmámonos en reclamar a dimisión do presidente da Deputación" e en instar a dirección do PPdeG a promover o seu cesamento.

Noa Presas (centro), con Marcos Paz e Tereixa Paz ante a casa do Concello de Esgos CC-BY-NC-SA NÓS

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.