Nova Esquerda Galega reclama a formación "xa" dunha fronte ampla

© Nova Esquerda Galega

Nova Esquerda Galega reclama a formación "xa" dunha Fronte Ampla de esquerdas anti-neoliberal de cara ás vindeiras eleccións europeas, "como a resposta que os cidadáns e as cidadás de esquerda deste país están reclamando diante do deterioro permanente da súa democracia e os seus dereitos sociais e nacionais". A formación integrada en Anova e AGE esixe ademais a dimisión inmediata dos executivos de Rajoy e Feijoo e a convocatoria axiña de eleccións anticipadas.

Nova Esquerda Galega demándalles aos partidos da esquerda alternativa e aos movementos sociais con vontade real de transformar a sociedade "que entaboen sen máis atraso conversacións, coa madurez e xenerosidade necesarias, para conformar unha plataforma o máis ampla posible que represente os intereses e os dereitos de todos os colectivos prexudicados pola política neoliberal de Rajoy, como primeiro paso cara a un proxecto moito máis amplo de ruptura co establecido". E chama a "elaborar un programa electoral de mínimos no que todos os partidos e movementos que se unan ao mesmo coincidan, un programa básico contra o austericidio ao que nos condenan as políticas de Rajoy e Feijoo e os seus socios comunitarios".

Alerta de "que se corre o risco a que calquera atraso ou negativa para formar devandita Fronte Ampla sexa interpretado por gran parte da cidadanía de esquerda como un acto de covardía ou, peor aínda, como un acto de complicidade co neoliberalismo, do que a esquerda alternativa tardaría décadas en recuperarse" e que podería motivar "o fortalecemento de partidos populistas e organizacións xenófobas, coa súa oferta de solucións fáciles pero falsas, como xa está sucedendo en varios países de Europa".

© Nova Esquerda Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.