Novo veto do PP a investigar a xestión das antigas caixas galegas

Gayoso e Varela (na imaxe, con Feijóo) comparecerán na comisión © Xunta

"Quen tomou as decisións?", "como e cando se incrementaron os plans de pensións?", "cando se soubo que as cousas ían mal?". Son algunhas das preguntas que, de novo, volveron saír este martes no pleno do Parlamento vinculadas, unha vez máis, ás antigas Caixa Galicia e Caixanova, ao seu proceso de fusión e ao actual estado de Novagalicia Banco. Por enésima vez os grupos da oposición, desta volta o PSdeG, reclamaron poñer en marcha unha comisión de investigación sobre as caixas e, de novo, o Grupo Popular asegurou estar a favor, pero votou en contra por non considerar oportuno o momento.

No penúltimo pleno do período de sesións -e quizais, da lexislatura- o PP freou unha moción socialista tras non aceptar a súa autora, María José Caride, unha emenda para non activar a comisión de investigación de maneira inmediata, senón cando o "proxecto" de NCG Banco estea "suficientemente capitalizado e sexa viable". Porque, e niso "si coincide" o voceiro popular, Pedro Puy, "é unha operación importante para o país", para "manter Galicia no mapa financeiro" do Estado. "Antes de coñecer o pasado o máis importante é garantir o futuro de Galicia" e, polo tanto, "o da entidade financeira".

Puy: "Antes de coñecer o pasado o máis importante é garantir o futuro da entidade"

O PP, abonda Puy, adía a comisión de investigación "por responsabilidade", pero "non por falta de ganas de saber o que pasou" nun período temporal que, non obstante, cingue a "2006, 2007" e, en xeral, ao "tempo da expansión inmobiliaria". "Ningún problema" en investigar, reitera, pero si "en prexudicar a evolución" do proceso de capitalización, agora en boa medida pendente do rescate solicitado polo Goberno de España ao Eurogrupo. E foi precisamente o rescate o gran convidado do debate, pola banda socialista e, sobre todo, pola do BNG.

"Que pasa co futuro de Novagalicia Banco" tras o rescate?, cuestionou Caride, lembrando que o ministro De Guindos "afirmou que Bankia tería toda a axuda que precisase, polo tanto os socialistas lle pedimos exactamente o mesmo" e neste punto houbo acordo entre PSdeG e PP. Tamén cómpre abordar e solucionar "o problema das preferentes e para isto a Xunta debe colaborar coa fiscalía", punto da moción aprobado por unanimide. Pero alén destes puntos concretos, a visión do acontecido a pasada fin de semana foi antagónica entre a oposición e o grupo que sustenta ao Goberno.

Aymerich: "Non é un rescate, é un roubo e un golpe de Estado en toda regra"

"Pasamos de 'non vai haber rescate' a un presidente ausente cando toda España estaba esperando a ver que pasaba coa banca e co rescate", sinalou Caride. Quen foi máis alá foi o voceiro do BNG, Carlos Aymerich, en cuxa opinión xa non se trata de falar de "rescate, intervención" ou "póliza de crédito cómoda", senón de "roubo" ou directamente de "golpe de Estado en toda regra". E por iso cómpre "investigar aos delincuentes, porque isto é un roubo" e "porque a xente vai ter que pagar dúas veces un buraco que eles non crearon".

A "axuda só para a banca" vai traer aparellada, augura o nacionalista, "condicionalidades macroeconómicas", na liña do que "acaba de dicir a señora Merkel", "e vai haber troika" e, polo tanto, vai haber novos recortes, argumenta. Isto, augura, vai derivar en novas protestas sociais que "non se poden reducir", salvo que "nos poñan un goberno de técnicos e enchan isto de antidisturbios que lle digan á xente 'estean calados mentres os devolvemos á Idade de Pedra". Por este motivo, conclúe, en Galicia é necesario comezar por investigar as antigas caixas e, tras o rescate, "o mínimo" é que os cartos comunitarios sirvan para converter NCG Banco "nun banco público e galego". Para o PP, di, a banca pública "non é eficiente nin viable". "É moito máis eficiente o modelo Rato" ou "o modelo das caixas galegas, tendo ex dirixentes dos seus partidos nos órganos de dirección, deixando facer ata que rebenta nos fuciños".

Bancadas do Goberno e do PP, nun intre do pleno © Xoán Crespo
Logotipos das antigas caixas CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.