NSG esixe que a dirección do PSdeG non faga nomeamentos ata despois do Congreso

Iván Puentes, nun acto de NSG CC-BY-NC-SA NSG

Tras oito meses vacante, o PSdeG activou esta semana o mecanismo para cubrir a praza que lle corresponde no Senado. Segundo o anunciado, o vindeiro pleno da Cámara galega elixirá a actual alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, como senadora por designación autonómica en substitución do secretario de organización do partido e actual deputado, Pablo García, quen renunciou ao posto en aplicación do principio "unha persoa, un cargo". Esta remuda prodúcese a escasos tres meses do Congreso Nacional que renovará os órganos directivos da formación e por iso unha das correntes que aspiran a protagonizar esa renovación, Novo Socialismo Galego (NSG), vén de esixir que se free ese nomeamento ou calquera outro.

A través dunha carta dirixida ao secretario xeral do partido, Pachi Vázquez, o portavoz nacional de NSG, Iván Puentes, reclama a paralización da "elección de cargos do partido" coa fin de que "sexa a nova dirección, saída do proceso previsto para setembro, a que tome as decisións neses sentido". Ao colectivo no que se integran outros dirixentes destacados como Xoaquín Fernández Leiceaga chámalle a atención que a Executiva decida a substitución precisamente agora, "en pleno proceso precongresual", algo "totalmente inapropiado", a xuízo de Puentes.

Puentes esixe que o escano do Senado e o resto de postos sexan renovados pola nova dirección

Para NSG, ás portas do congreso e do proceso de primarias a actual dirección ten xa a condición de "interina" a efectos prácticos e, dado que "en oito meses non se abordou este asunto", resulta "máis inapropiado e inxustificable" que decida renovar agora o escano na Cámara Alta. "Non hai ningunha razón de urxencia que xustifique que a elección se faga agora", abonda Puentes, quen apela "á transparencia, á maior participación posible da militancia na toma de decisión e á maior lealdade entre as direccións saínte e entrante".

É precisamenta a nova dirección a que, para NSG, debe ser "a que aborde estes asuntos" e "propoña os nomeamentos oportunos" tanto para o Senado como para outros organismos pendentes de renovación, como o Consello de Contas, o Consello de Administración da CRTVG ou o Consello Asesor de RTVE. As designacións, di, deben estar "de acordo coa liña política que os afiliados aproben no Congreso", polo que Pachi Vázquez debera "reconsiderar" a súa postura".

Iván Puentes, nun acto de NSG CC-BY-NC-SA NSG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.