O 155 implica a destitución de Puigdemont e de todo o Goberno de Cataluña

Mariano Rajoy, na reunión do Consello de Ministros deste sábado © Moncloa/Juan Carlos Hidalgo

O Goberno xa decidiu e aprobou como intervir Cataluña coa aplicación do artigo 155 da Constitución. O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, explicou as liñas xerais desa intervención tralo Consello de Ministros extraordinario deste sábado, que teñen que ser ratificadas polo Senado o vindeiro venres. Rajoy, que asume as facultades para convocar eleccións en Cataluña, afirmou que se destituirá "ao president, o vicepresidente e os conselleiros do Govern".

"A facultade de disolver o Parlament pasa ao presidente do Goberno. O presidente terá que convocar eleccións nun máximo de seis meses, pero a miña vontade é que sexa tan axiña como recuperemos a normalidade. Celebrar eleccións é o obxectivo que quere a maioría, é o que di o sentido común: abrir unha nova etapa na que os dereitos da xente se recuperen”, explicou Rajoy, que defendeu que o obxectivo é "volver á legalidade; recuperar a normalidade e a convivencia; continuar coa recuperación económica que hoxe en Cataluña está en evidente perigo; e celebrar eleccións en situación de normalidade". No argumentario difundido polo PP entre os seus dixrixentes, xustifícase a aplicación do 155 pola "desobediencia rebelde, sistemática e consciente" de Puigdemont.

“Non se suspende a autonomía nin o autogoberno, césase ás persoas que puxeron ese autogoberno fóra da Constitución e do Estatut", afirma Rajoy

“Non se suspende a autonomía nin o autogoberno, césase ás persoas que puxeron ese autogoberno fóra da Constitución e do Estatut", afirmou o presidente do Goberno. “A idea será que os ministerios asuman esta responsabilidade nesta situación excepcional, e a administración da Generalitat continuará funcionando como administración ordinaria", proseguiu, engadindo que "o presidente do Parlament non pode propor candidato á presidencia da Generalitat nin a celebración dunha sesión de investidura”. Pódese consultar aquí o documento íntegro das medidas aprobadas polo Consello de Ministros.

Entre os órganos e funcións que quedan intervidas polo Goberno central está a radiotelevisión pública catalá. Segundo o argumentario do PP, intervense TV3 para "defender a pluralidade".

 

Primeiras reaccións

Entre os órganos e funcións que quedan intervidas polo Goberno central está a radiotelevisión pública catalá

A coordinadora do PDeCAT, Marta Pascal, cualificou xa as medidas como "o peor ataque en séculos" a Cataluña. "Din que no queren a independencia, pero son eles os que hoxe se independizaron do pobo de Cataluña". A secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, cualifica o anuncio de "golpe de estado contra unha maioría legal e democrática". "Temos un mandato democrático legal que ampara todo o que fixemos no Parlament e o Govern desde o 27 de setembro", dixo Rovira, que engadiu que "as institucións democráticas elíxenas os cidadáns de Cataluña". Este sábado coñeceuse ademais de que a Fiscalía está preparando unha querela por rebelión no suposto de que se declare a independencia en Cataluña nos vindeiros días. O delito de rebelión pode levar a unha pena de entre 15 e 25 anos de cadea.

Pola súa banda, a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, considera "suspendido o autogoberno de Cataluña, polo que tanta xente loitou" e cualificou as medidas aprobadas polo Goberno central como "un ataque grave aos dereitos e liberdades". De igual xeito, o portavoz de En Comú no Congreso, Xavier Domènech, afirmou que o anuncio de Rajoy "é unha reacción brutal habendo espazos para o diálogo" e que "marcará un antes e un despois para toda España e para a relación entre Cataluña e España, que só se recupera con amplísimas alianzas". Igualmente, Pablo Iglesias considera que a intervención da Generalitat "só revela a incapacidade" do Goberno central "para ofrecer solucións e afasta aínda más a Cataluña de España".

Sede da TV3 © El Diario
Reunión do Consello de Ministros, este sábado © Moncloa/Juan Carlos Hidalgo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.