O 20D baixa a Ciudadanos do ceo das enquisas

Mitin de Ciudadanos na Coruña © Ciudadanos

Ciudadanos volveu irromper con forza nuns comicios. Agora no Congreso dos Deputados, como antes fixera no Parlament catalán e nalgúns municipios nas pasadas eleccións locais. Pero como en moitas ocasións, a súa forza foi moito menor á que presaxiaban as enquisas. Tamén en Galicia, onde os últimos inquéritos lle daban bastantes máis puntos de apoio e, cando menos, dous representantes galegos na Cámara baixa.

Ciudadanos sumou o 9% dos sufraxios en Galicia, inferior ao 14% que alcanzou no conxunto do Estado

Finalmente, Ciudadanos sumou en Galicia 147.910 votos, o que supón o apoio de algo máis do 9% dos votantes, unha porcentaxe inferior ao case 14% que o partido laranxa sumou no conxunto do Estado e que lle deu a cuarta posición, tanto en número de escanos como de sufraxios. É o mesmo posto que ocupa en Galicia, onde os de Albert Rivera aspiraban a obter representación, pero se cadra algunha máis. Malia todo, desde a formación en Galicia danse por satisfeitos e mesmo se din sorprendidos por obter representación "con todo en contra". 

As derradeiras enquisas publicadas no Estado e no país atribuíanlle dous representantes a Ciudadanos en Galicia, un pola Coruña e outro por Pontevedra, e arredor do 15% dos votos. Así o indicaba o último inquérito do ABC antes dos comicios, ao igual que o que publicara El Mundo, que tamén lle outorgaba dous deputados, unha estimación que xa diminuía a presenza da formación laranxa autonómica con respecto a anteriores consultas. 

Todas as derradeiras enquisas en Galicia e no Estado dábanlle dous escanos e máis apoio a Ciudadanos no país

O inquérito de NC Report para La Razón, pola súa banda, situaba Ciudadanos con máis do 11% dos sufraxios en Galicia e senllos representantes pola Coruña e por Pontevedra, algo menos que a enquisa de Sondaxe para La Voz de Galicia, que subía o prognóstico ata o 16,4% de apoio e os mesmos dous escanos. Tamén a de Infortécnica para La Región situaba o partido laranxa con dous deputados galegos no Congreso dos Deputados, tamén pola circunscrición coruñesa e pontevedresa. 

No caso do CIS, tamén prevía o cuarto posto de Ciudadanos en Galicia e a súa entrada polas provincias atlánticas, como a maioría de inquéritos. Neste caso, a enquisa achegouse bastante ao resultado final, errando tan só no prognóstico para o partido laranxa, que quedou tamén lonxe da perspectiva desta enquisa que tan pouco se afastou do resultado final no país.

O CIS acertou case ao completo o resultado en Galicia, agás para Ciudadanos, ao que tamén lle daba 2 escanos

Foi unha constante tamén a nivel estatal. A radiografía que traza O Mirante, o panorama electoral que realiza o analista Carlos Neira para a Asociación de Medios en Galego, amosaba a uns dez días das eleccións un empate técnico na segunda posición entre PSOE e Ciudadanos. O partido laranxa tería obtido máis do 20% dos votos e entre 63 e 71 escanos, un resultado que foi finalmente moito máis parecido ao obtido pola suma de Podemos e as coalicións onde esta formación participa.

Foi unha constante durante meses e en case toda a campaña, onde as expectativas de Ciudadanos foron fondamente infladas, especialmente da man de Metroscopia, que nos últimos días antes dos comicios virou ata prever unha remonta de Podemos e unha lixeira caída da formación de Albert Rivera. O líder da formación recoñece o descenso no agardado pero presume de sumar máis de 2 millóns ás cifras que obtivera nas municipais. Ademais, desde Ciudadanos cúlpase á política sucia dos seus rivais e á "inxusta lei electoral", pero saben tamén que a campaña supuxo un desgaste logo de varias polémicas, desde a discutida proposta do contrato único ata as rexeitadas propostas arredor da violencia de xénero. 

A polémica campaña de Ciudadanos en Galicia, onde agochou os seus candidatos, puido influír no descenso das expectativas

En Galicia, os seus cabezas de lista apenas concederon entrevistas e cando o fixeron, como no caso de Antonio Rodríguez pola Coruña, acabaron por asumir que a formación non tiña propostas para Galicia ou que as prepararía tras os comicios. Tamén o recoñeceu Albert Rivera nunha entrevista en La Voz de Galicia, onde dixo carecer de plans específicos para Galicia, xa que só propón "medidas generales". 

Mesmo este luns, logo do 20D, o deputado electo de Ciudadanos pola Coruña xustificou de novo non ter propostas concretas para Galicia. "A comunidade autónoma galega pode ser como a de Aragón, hai problemática educativa, de emprego...", dixo nun debate na TVG. Antes, no mitin central da formación laranxa en Galicia, nin el nin o resto de aspirantes galegos ao Congreso falaron. Fíxoo Marta Rivera de la Cruz, lucense e número 3 por Madrid, para tirar de tópicos, advertir dos problemas que podía provocar a chuvia na xornada electoral e propor o país como plató de Juego de Tronos ou as vantaxes do IVE do 7% "para las orquestas y verbenas". 

Mitin de Ciudadanos na Coruña © Ciudadanos
Marta Rivera de la Cruz, na Coruña Dominio Público @CiudadanosCs

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.