"O 25X é o día de tod@s @s galeg@s, no que reivindicamos o noso dereito a ser"

Pilar Fernández e Xabier P. Docampo © Manifesto pola Unidade

A marcha unitaria polo Día Nacional de Galicia impulsado polo Manifesto pola Unidade vai collendo forma. O grupo promotor dos actos presentou este xoves os detalles dunha convocatoria á que xa se adheriron, animarou ou facilitaron a participación formacións como o BNG, CxG, EU, Anova e Cerna, ademais de sindicatos como a CIG ou colectivos como Galiza Cultura, AS-PG, organizacións xuvenís ou a Plataforma Nacional Galega de Emigrantes Retornados. 

Cunhas 1.300 sinaturas recollidas xa, o grupo promotor desta marcha unitaria adiantou que Xurxo Souto será o mestre de cerimonias nuns actos nos que Valentín García Bóveda (neto de Alexandre Bóveda), Patricia de Lorenzo, Federico Pérez Rei e Alba Cuba serán os encargados de ler o manifesto. Ademais, Mercedes Peón, Uxía, Paula Chaves, Alba María e Lidia Botana serán os encargados das actuacións musicais, para rematar o acto coa interpretación do himno de Galicia interpetado polo gaiteiro Moncho do Orzán. 

Xurxo Souto será o mestre de cerimonias dun acto no que actuarán Mercedes Peón ou Uxía

"Este é o primeiro 25 de Xullo na historia recente de Galicia que non o convoca un partido político ou un conxunto de partidos", destacaron membros da comisión promotora, que reiteraron o "agradecemento" ás organizacións que mostraron o seu apoio e ás que animaron aos seus militantes a asistir a esta celebración que, segundo consideran, "debería ser día de todos os galegos e galegas, o Día Nacional no que reivindicamos o noso dereito a ser, a gobernarmos por nós mesmos".

"O 25 de xullo debería ser día de todos os galegos, o Día Nacional no que reivindicamos o noso dereito a ser, a gobernamos por nós mesmos"

Nese sentido, animaron a toda a cidadanía a responder a ese espírito inclusivo e defensa dos intereses da grande maioría da sociedade galega.
O escritor Suso de Toro destacou que, "hoxe por hoxe, este 25 de xullo xa é un éxito, polos apoios que concita, e polo debate de levantou", e animou a que ese día, "ninguén quede na casa e todos se sumen ao que ten que ser unha festa".

O Manifesto pola Unidade está asinado a tal hora por 1.300 persoas e a páxina de Facebook (25 de xullo de 2015-A nación galega) leva máis de 20.000 visitas en tres días.

Dominio Público Praza Pública
Pilar Fernández e Xabier P. Docampo © Manifesto pola Unidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.