O 93% dos contratos do Concello da Coruña fanse "a dedo", segundo EU

Pleno municipal no Concello da Coruña © Concello da Coruña

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que no que vai de ano o Concello da Coruña encargou "a dedo" o 93% dos seus contratos, sen a convocatoria de procedementos abertos e competitivos. En concreto, o goberno local utilizou o procedemento negociado para adxudicar 3,2 millóns de euros en 25 contratos, mentres que so adxudicou mediante procedemento aberto 229.000 € de catro contratos. 

O goberno local utilizou o procedemento negociado para adxudicar 3,2 millóns de euros en 25 contratos, mentres que so adxudicou mediante procedemento aberto 229.000 € de catro contratos

EU demanda unha "contratación transparente, aberta e desenvolvida en base a unha planificación axeitada do gasto para aforrar cartos públicos" e lembra que a propia lexislación establece que co carácter ordinario debe utilizarse para a contratación o procedemento aberto, porque o procedemento negociado supón grandes limitacións aos principios de publicidade e concorrencia, polo que só está xustificado cando a licitación resulte inconveniente ou infactible, situación que só se dá en contadas ocasións.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “negando a evidencia da contratación a dedo, o alcalde o ben pretende enganar a cidadanía ou ben está a demostrar a súa ignorancia en relación co procedemento de contratación, pois confunde a publicidade co procedemento negociado”. Santiso engade que “semella que o Concello está a favorecer a empresas amigas, utilizando a mesma praxe que supostamente utiliza o PP a nivel estatal para financiarse como está a amosar o caso Bárcenas coa coincidencia entre doazóns e adxudicacións e como proba temos que, apesares de que o investimento en ladrillo e formigón e a base da acción política deste goberno, tan so licitou tres contratos de obras  por procedemento aberto”.

“Semella que o Concello está a favorecer a empresas amigas, utilizando a mesma praxe que supostamente utiliza o PP a nivel estatal para financiarse como está a amosar o caso Bárcenas"

Finalmente, Santiso subliñou “a incoherencia e hipocrisía que supón criticar na oposición os contratos a dedo”, para acto seguido utilizar “a mesma praxe no goberno e se cadra con maior descaro, fraccionando contratos de maneira burda para poder aplicar este procedemento pouco ético como aconteceu nos contratos para os concertos das festas de María Pita”. Así A Lei de Contratos do Sector Público impide utilizar o procedemento negociado para a adxudicación de contratos de servizos superiores a 100.000 €. Por este motivo o IMCE fracionou o contrato do servizo de soporte técnico aos concertos, que co bipartito en 2010 era único, en dous: un por importe de 76.000 € con obxectivo é “aluguer, montaxe e desmontaxe dos equipos de luz, son e vídeo” e outro para “servizos de produción, persoal técnico, conexións eléctricas, camerinos, inodoros, vallas”, cun importe de 29.000 €.

Pleno municipal no Concello da Coruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.