O alcalde de Dozón sobe o seu soldo un 30% e Feijóo apóiao

Feijóo, nun mitin © PPdeG

Dozón ben podería ser paradigma da situación de moitos concellos do interior do país. En menos de dúas décadas perdeu practicamente a metade da súa poboación ata quedar en 1.241 habitantes, segundo os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística. No último ano do que existen rexistros, 2012, en Dozón naceron 5 persoas e morreron 19 e a renda bruta por habitante non chega aos 10.000 euros anuais. Nas últimas eleccións municipais o PP recibiu alí 699 votos, o 73,12% do total, que lle valeron para ter 7 edís fronte a 2 do BNG, que tivo algo menos do 20% dos votos. Neste contexto o alcalde da vila, Adolfo Campos, vén de tomar unha decisión tan legal como rechamante: subir o seu soldo un 30%.

No pleno deste luns a corporación municipal de Dozón abordará a proposta do rexedor para modificar os orzamentos deste 2014 e así incrementar a súa remuneración dende 2.500 ata 3.273 euros mensuais en doce pagas e cunha xornada idéntica á actual, 25 horas semanais. Nos últimos días o propio Campos admitiu que esta operación "pode escandalizar", pero xustificáa co argumento de que non fai nada que non estea contemplado na reforma local do Goberno central, que lles permite cobrar ata 40.000 euros anuais aos alcaldes e alcaldesas de municipios de entre 1.000 e 5.000 habitantes. Se o concello non pasa de 1.000 persoas o límite está en 30.000.

Feijóo non ten "nin idea" da suba, pero "se cumpre a lei, xa está"

O asunto leva xa ser uns días obxecto de comentarios en Dozón e este sábado un dos principais valedores públicos da limitación de soldos na administración local, o presidente da Xunta, foi preguntado ao respecto antes dun mitin en Ribeira. O tamén xefe de filas dos conservadores galegos, segundo informa La Voz de Galicia, asegurou a preguntas da prensa non ter "nin idea" de que "o alcalde de Dozón se vai subir o soldo". En todo caso se esa subida "cumpre a lei, pois xa está; nada que dicir". "Levabamos moito tempo esperando por unha lei que fixase os soldos e agora xa a temos, hai que cumprila e nada máis", resolveu.

"Un abuso é unha burla"

Unha visión ben distinta do asunto é a que ten a oposición municipal. Para o voceiro municipal do BNG, Benxamín García, resulta "inxustificable, un abuso e mesmo unha burla" que Campos "use a súa maioría para subirse a si mesmo o salario propoñendo unha modificación do orzamento con esta única finalidade mentres recorta servizos básicos para o municipio". Ademais, salienta, o incremento faise, "para maior escándalo, con efectos retroactivos", toda vez que o plan é que o cambio se aplique con data do 1 de febreiro deste ano.

O voceiro do BNG, única formación da oposición, ve a suba "un abuso intolerable" en tempos de recortes

Eses 10.000 euros anuais que o alcalde prevé cobrar adicionalmente de agora en diante "serían un bo salario para moitas persoas traballando 38 horas á semana e no 25", di García, quen destaca que o consistorio "non inviste un euro en servizos públicos" e que o plan de axuste "aprobado no seu día polo alcalde supuxo a supresión de varios postos de traballo e a solicitude de créditos bancarios que aínda está paganda  veciñanza". Alén de que sexa legal, di o edil do Bloque, esta decisión é "un abuso intolerable". "Cabe preguntarse con que lexitimidade política e moral pretende cobrar un salario que triplica a media galega nun concello que apenas supera o milleiro de habitantes, cando moita da súa veciñanza pasa dificultades e o PP predica austeridade e impón recortes".

"Non é a única arbitrariedade"

"Todas as obras son adxudicadas a unha empresa relacionada co rexedor", di a oposición

A alza do salario do alcalde non é, segundo o BNG de Dozón, "a única arbitrariedade do alcalde do PP". "Todas as obras do concello son adxudicadas á empresa Copel, relacionada co rexedor", asegura Benxamín García, lembrando que durante anos esta firma recibiu en exclusiva os encargos municipais e que a ela lle correspondeu máis da metade da débeda comercial do Concello recollida no devandito plan de axuste. A esta querencia por unha empresa concreta, asegura, "súmanse outros negocios familiares que levan cuantiosas subvencións a través da Xunta e do Igape".

"Para completar a folla de servizos de Adolfo Campos" o Bloque lembra "as sentenzas xudiciais que o imputaron en distintos casos ao longo dos últimos tempos e que supuxeron un desembolso económico de gastos para as arcas públicas do Concello para afrontar as costas e os avogados". Entre estas imputacións figurou unha por acoso laboral a unha traballadora municipal afiliada á CIG.

O alcalde de Dozón (segundo pola esquerda), nunha imaxe de arquivo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.