O alcalde de Ourense marcha e Feijóo defende que Gacio siga como edil en Boqueixón

Rodríguez anuncia a súa dimisión © CRTVG

Segunda vítima política da chamada operación Pokémon. Tras resistirse durante días o aínda alcalde de Ourense, o socialista Francisco Rodríguez, ratificaba no mediodía deste xoves a súa intención de abandonar o cargo aínda que non polas "imputacións falsas" que pesan sobre el, de presunto suborno e prevaricación en adxudicacións públicas, senón pola "falta de apoio político" que lle impediría conservar o bastón de mando. Rodríguez, visiblemente afectado, realizaba o anuncio tras a primeira Xunta de Goberno Local á que xa non asistiron os tres edís do BNG que lle daban sustento ao seu equipo de goberno. "Dixen que non ía permanecer no meu cargo nin un minuto máis se non tiña os apoios políticos necesarios para garantir a estabilidade do goberno municipal", sintetizou ante a prensa.

O anuncio de Francisco Rodríguez chegaba non só despois de constatar a retirada do apoio do Bloque, senón tamén despois de que o concelleiro nacionalista imputado na mesma operación, Fernando Varela, presentase a súa dimisión apenas vinte e catro horas despois de ser detido e posto en liberdade, aínda que imputado por presunto suborno e tráfico de influencias. Arroupado polos demais membros do grupo municipal e por diversos militantes do Bloque en Ourense Varela proclamouse "totalmente inocente" dos cargos que se lle imputan e manifestou a súa "absoluta certeza" de que "poderá demostrar" que non actuou de xeito ilegal. Pero a "coherencia persoal e política" impídelle seguir no concello aínda que a acusación da xuíza se sustente só "nunha conversación entre dous imputados na que sae meu nome", subliña.

A persoa que substituirá a Rodríguez elixirase nun pleno municipal entre o sábado e o luns

Varela renuncia á súa acta de concelleiro e tamén o fará o propio alcalde en canto o pleno municipal elixa a persoa que o substituirá, algo que acontecerá entre o sábado e o luns. O nacionalista e o socialista toman, polo tanto, un camiño distinto ao do popular Adolfo Gacio, tamén imputado no caso e que o pasado martes deixaba a Alcaldía de Boqueixón pero non a súa corporación municipal, na que permanecerá como concelleiro en virtude do pacto acadado coa dirección provincial do PP na Coruña. Precisamente esa permanencia era defendida este xoves polo presidente da Xunta e candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, que ao remate da reunión semanal do Consello do Goberno galego xustificou a decisión no feito de que Gacio "non podía compatibilizar a alcaldía coa liberdade baixo fianza" pero "a presenza deste concelleiro no Concello non afecta para nada á gobernabilidade", xa que non depende del a maioría absoluta dos conservadores, abonda.

Jorquera, a prol da xustiza "sen intencionalidade política"

Jorquera: "Estase convertendo en norma que, cando chegan unhas eleccións, haxa operacións espectáculo"

Mentres Feijóo se pronunciaba deste xeito no interior de San Caetano, no exterior do complexo administrativo da Xunta o candidato do BNG á Presidencia, Francisco Jorquera, censuraba a "desvergoña política" que, ao seu xuízo, están a demostrar os conservadores neste caso. No marco dunha manifestación de apoio ao persoal das factorías de Alcoa o nacionalista esixiulle a Feijóo que "non faga trampa", xa que Gacio "segue de concelleiro para exercer como alcalde na sombra", cando debería "tomar nota da actitude exemplarizante que tivo o BNG" que, malia non "dubidar da inocencia" do seu edil en Ourense, "ten por norma dar exemplo de comportamento" e, ante a imputación, non deixou outra opción que dimitir de inmediato".

Feijóo: "É bo que a clase política saiba que en calquera momento pode haber unha investigación"

Á marxe das dimisións Francisco Jorquera coida que o caso Pokémon é unha mostra máis da necesidade de que "actúe a xustiza, pero que non actúe así". "Xa se está convertendo en norma en Galiza que, cando chegan unhas eleccións, haxa operacións espectáculo con procedementos que deixan na total desprotección ás persoas incausadas", sometidas a "procedementos máis propios de delitos de terrorismo". Neste caso, como noutros, censura, "invértese a carga da proba" e calquera "díxome díxome" serve "para imputar unha persoa" da que "se presume a súa culpabilidade e non a súa inocencia". "Esiximos que a xustiza actúe, pero sen intencionalidades políticas e os 365 días do ano" para "esclarecer o que haxa que esclarecer", di.

Destes receos, así como dos chegados doutras forzas políticas como AGE ou o PSdeG, botaba man Feijóo para, pola súa banda, considerar que "hai partidos aos que parece que lles molesta que a xustiza actúe", pero "a xustiza debe actuar cando consdiere oportuno e investigar o que considere oportuno", xa que "é bo para a sociedade" e tamén bo para que "a clase política" saiba que "non hai períodos de graza e que en calquera momento pode haber unha investigación" na que "responsables políticos poidan estar mesturados". "Isto -asegura- non significa para nada ir en contra da presunción de inocencia".

Rodríguez anuncia a súa dimisión © CRTVG
Feijóo, tras o Consello da Xunta © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.