Hai poucos días o PSdeG de Vila de Cruces chamaba a atención sobre dúas placas colocadas nun edificio do Concello, que o PP goberna con maioría absoluta. Despois de "máis de trinta anos" retiradas, senllas exaltacións das ditaduras de Franco e Primo de Rivera foran "desempoadas" e "recolocadas" nun local social municipal, nunhe operación que os socialistas vían como claramente contraria ao estipulado na lei da memoria histórica de 2007. "O noso alcalde ou aínda vive na posguerra ou traizoouno o subconsciente", dicían, despois de solicitar unha nova retirada das placas baixo a advertencia de acudir "á fiscalía" ou "ao xuíz correspondente". Segundo o rexedor non hai nada de nostalxia nunha decisión que non foi súa, senón dun colectivo veciñal.
Segundo o popular Jesús Otero é "absolutamente falso" que a recuperación das placas da discordia partise do seu gabinete. En comunicación con este diario Otero asegura que "nin eu nin ninguén do meu equipo de goberno colocamos nin ordenamos colocar dita placa", senón que a orixe da decisión hai que buscala en "colectivos de persoas da parroquia de Carbia", que están a "organizar unha exposición, que se inaugurará o 19 de setembro de 2014, con motivo do 70 aniversario do traslado do concello de Carbia a Vila de Cruces". "Por ese motivo -afirma- estanse recompilando todo tipo de elementos para colocar en dita exposición", entre a que se atopa "a placa en cuestión", erecuperada "porque fai referencia ao nome da vila de Carbia, nome do Concello no momento da elaboración da placa, non por facer referencia ao réxime anterior, nin moito menos".
"Non miran ideoloxías no obxecto, só miran que fagan referencia ao Concello de Carbia", di o alcalde
Asegura Otero que "todos os elementos que se van recuperando" para esta mostra "non se paran a mirar se son elementos do franquismo, da II República" ou "da ditadura de Primo de Rivera". "Non miran ideoloxías no obxecto, só miran que fagan referencia ao Concello de Carbia", e "todos os elementos que se van recuperando vanos colocando na sala de exposicións do local social de Carbia". "Por iso está aí a placa -salienta-, non hai que ver máis alá do que realmente é".
Derrubamento da casa do Concello
As placas estaban colocadas na antiga casa consistorial, que foi derrubada
Na súa misiva o alcalde de Vila de Cruces lembra que as placas cuestionadas pola agrupación socialista local estiveron colocadas orixinalmente na antiga casa do Concello de Carbia. Cando o municipio pasou a ser Vila de Cruces as placas foron trasladadas e "colocadas na casa consistorial" que "se deixou de utilizar pola construción dunha nova" a finais dos anos 90. "Recentemente, debido ao mal estado no que se atopaba, derrubouse", explica.
Este derrubamento, tal e como recolleu hai poucos días o diario El País, produciuse sen que mediase consulta coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, que estimou que o edificio semellaba ter "valores arquitectónicos e históricos" cando xa fora botada abaixo. Daquela demolición o único que se salvou foron, precisamente, as placas que agora, segundo a versión oficial, son parte dunha exposición.