Saíulle de balde. A maioría absoluta que o PP ostenta no Concello de Baralla -oito edís fronte a dous do BNG e un do PSdeG- serviulle ao alcalde, Manuel González Capón, para evitar sen problema ningún ter que dimitir pola súa xustificación dos crimes do franquismo. Durante o pleno municipal do 26 de xullo o rexedor conservador espetoulle á oposición que as persoas asasinadas na ditadura "merecíano". Agora, a medio camiño entre o político o relixioso, asegura que pide "perdón" e segue adiante.
A sesión plenaria deste xoves na localidade da montaña lucense foi calquera cousa menos ordinaria. Unhas cen persoas responderon á convocatoria do BNG e da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica para, no exterior do consistorio -e algúns dentro- rexeitar a xustificación do "fascismo" e esixir a marcha de González Capón. No interior da casa do Concello á morea de xornalistas sumáronse os incondicionais do alcalde -entre eles, un sacerdote uniformado de tal- que, chegados da localidade e tamén de fóra dela, non dubidaron en eloxialo a berros, os mesmos que empregaron para increpar a quen protestaba: "fóra, comunistas", escoitaron algúns dos presentes.
Os partidarios do alcalde increparon a quen acudiu para esixir a súa dimisión e lembrar os asasinatos do franquismo
Neste contexto, e con axentes da Garda Civil velando por que non se pasase das palabras ás mans, González Capón leu un comunicado no que reflexionou sobre que "errar é de humanos e de sabios rectificar". O que dixo foi "unha imprudencia" e, en todo caso, na súa "longa traxectoria política" -ostenta o bastón de mando dende 1987- son máis importantes "as palabras que os feitos", asegura. Ademais, di, socialistas e nacionalistas botaron man da "demagoxia" nos últimos días. A el nunca se lle pode achacar unha conduta "antidemocrática".
A xuízo da oposición "un político que fai unha afirmación desta gravidade" non pode "permanecer no sillón da alcaldía nin un minuto máis", sinala Xosé Manuel Becerra, voceiro do BNG. Interrompido por partidarios do alcalde o edil do Bloque non cre que se deba zanxar o asunto cualificando as verbas do conservador como "desafortunadas" porque son "unha barbaridade" e as "escusas", só "unha farsa". "A frase foi clara e concisa" e o que debe facer, conclúe, é marchar.
"Un político que fai afirmacións tan graves non pode permanecer no cargo un minuto máis"
Tamén o PSdeG considera "intolerable" o acontecido, cun alcalde "franquista" que agora ten tamén concelleiros franquistas por apoialo, di Manuel Antonio Pérez, para quen "a democracia non pode contar con fascistas camuflados". Tras a sesión, na que González Capón mandou expulsar ás persoas que amosaban fotografías de Alexandre Bóveda, asasinado en 1936, o alcalde deuse un baño de multitudes para, brazo en alto, saudar a quen acudira a berrar "vvia o alcalde". Segundo os socialistas, o alcalde aproveitou a conxuntura para convidar os presentes a coñecer o Concello. "González Capón fixo turismo franquista", lamentan.