"O apoio á independencia de Escocia está a medrar cada día"

Guillian Martin (centro), con Tania Bouzo e Marga López, responsables de acción feminista de Anova CC-BY-NC-SA Anova

Guillian Martin é a principal referente de Women for Independence o colectivo que, fundado en 2012 pula pola independencia de Escocia dende unha óptica feminista. De visita en Galicia da man de Anova, con quen participa en diferentes actos sobre o papel do feminismo nos movementos polo dereito a decidir dos pobos, Martin explica que consideraron necesario xerar espazos específicos para implicar as mulleres na reivindicación soberanista. A tamén militante do Scottish National Party (SNP) asegura que o referendo escocés de setembro de 2014, no que o "non" foi a opción vencedora, non é o punto e final. Ben ao contrario, augura, haberá unha segunda oportunidade para votar e, daquela, o "si" será a opción "obvia" para a maioría da poboación.

Women for Independence foi fundada en 2012 e fixo campaña polo 'si' no referendo escocés. Por que era necesaria unha iniciativa coma esta, combinando o independentismo e o feminismo?
Era necesario por razóns diversas. Primeiro de todo, sentimos que as mulleres precisabamos unha unha plataforma para que as nosas opinións fosen escoitadas. A política no Reino Unido non está dominada só por voces masculinas, pero si está dominada por políticos. Onde están as voces da xente do común e, no noso caso, das mulleres do común? Despois de todo, esta decisión íanos afectar a todas e a todos.
Asemade, o voto feminino era moi importante para o resultado do refendo. Somos máis do 50% da poboación. O xeito en que o interpretamos na campaña polo 'si' foi que coas mulleres poderíamos gañar o referendo. Pero o mellor xeito de convencer as mulleres escocesas sobre as vantaxes dunha Escocia independente foi falar con cada muller e dun xeito en que as mulleres puidesen relacionalo. Estudos e investigacións sobre as actitudes das mulleres en Escocia cara á política indican que desconectaron dos debates tradicionais entre políticos na televisión e na radio. Elas non queren discusións agresivas nin insultos; querían información e discusión. Querían xeitos menos formais de discutir estes asuntos e teren a posibilidade de facer preguntas nun ambiente amigable para as mulleres, que non as criticase se admitían non ter coñecementos a respecto dalgún tema. É posible velo; ao irmos a un acto público a maioría das preguntas van ser formuladas por homes, pero a maioría non son realmente preguntas, senón homes amosando canto saben! Non agarden que unha muller erga a man nesa situación! Así que quixemos celebrar eventos só para mulleres e aplicar un estilo diferente para a nosa campaña, máis vinculado a compartir información que a argumentos gañadores.

"Ao irmos a un acto público a maioría das preguntas van ser formuladas por homes, pero a maioría non son preguntas, senón homes amosando canto saben"

Ademais, foi moi importante que a independencia escocesa en si mesma era unha grande oportunidade para crear un novo país, no que as mulleres participasen en termos de igualdade. O actual goberno escocés, liderado polo Scottish National Party, prometeu leis moi progresistas que axudarían as mulleres, como gardarías de balde que permitirían que as mulleres continuasen as súas carreiras profesionais tras o nacemento dos fillos sen prexuízo económico. Esta era unha grande medida. Significaría que as mulleres pagarían os mesmos impostos que os homes, terían unha presenza máis consistente no seu posto de traballo e sería un bo investimento para os negocios. O efecto social disto sería enorme, non só para as mulleres, senón para as familias en xeral. Tivemos que explicarlle á poboación feminina o gran paso que suporía para os nosos dereitos e o noso poder económico. Pero tamén tivemos que ollar cara á creación dese novo país. Se tivésemos a oportunidade de termos un novo país cunha nova constitución, teríamos a oportunidade de crear un grupo de presión que aseguraría que as mulleres seríamos fundamentais neste proceso.

Que pensa cando escoita que a igualdade de xénero na vida política xa foi lograda?
Poderemos non ter aínda a independencia de Escocia, pero xa se sente un país distinto. En Women for Independece decidimos continuar como se xa estivésemos nun novo país e pular para que acontezan as cousas que nos gustaría que pasen. E penso que estamos tend un chisco de influencia en como traballan os políticos escoceses. O noso Goberno escocés, liderado polo primeiro ministro, Nicola Sturgeon, ten un 50% de mulleres por primeira vez na historai. Por suposto que nos gustaría ver este filtro de igualdade en todas as áreas da vida e temos un longo camiño por percorrer a este respecto. No entanto, satisfaime dicir que moitas das voces femininas activas en Women for Independence están entrando en política. Neste momento, varias das nosas integrantes foron seleccionadas como candidatas polo Scottish National Party e polo Green Party para as eleccións xerais do Reino Unido. E temos moitas máis que continúan co seu activismo no ámibto local. Eu mesma agardo ser elixida como candidata o vindeiro ano nas eleccións parlamentarias escocesas. A igualdade política, cando menos no independentismo, goza de boa saúde.

Os grupos que apoiaban o 'non' á independencia utilizaron o medo como arma electoral? De que xeito?

"Un ministro conservador dixo que unha Escocia independente sería máis vulnerable aos ataques alieníxenas"

Podería escribir un libro sobre iso. Houbo tantas historias arrepiantes utilizadas contra a poboación que semella incrible. Atendendo á campaña do 'non', Escocia non sería admitida na Unión Europea, os bancos marcharían de Escocia, as empresas marcharían de Escocia, a xente maior ía perder as pensións, seríamos máis vulnerables ante o terrorismo e os ataques estranxeiros, non poderíamos usar a libra... A lista segue e segue. Mesmo tivemos un completo disparate sobre que Escocia tería que ter gardas de fronteiras, que conduciríamos polo sentido contrario e que non teríamos acceso á BBC ou ás redes de telefonía móbil. Cada día tentaban asustarnos dun xeito distinto. A miña favorita foi a do ministro conservador Philip Hammond, que lle contou aos xornalistas nunha rolda de prensa en Glasgow que estaba asustado porque unha Escocia independente sería máis vulnerable aos ataques alieníxenas do espacio exterior. Contei esta historia durante a miña estancia en Galicia e en Euskadi e a xente pensaba que estaba a brincar. Pero é certo!

Women for Indendence é un movemento de ámbito nacional pero traballa localmente. Por que é importante ese traballo local?

"Mantemos cada grupo local como grupo de presión para o cambio no noso ámbito"

É particularmente importante agora, despois do referendo. Non temos unha votación nacional para facermos campaña, pero debémonos manter activas. Manter cada grupo local como un grupo de presión para o cambio no noso ámbito. Gustaríame poñer un exemplo que foi moi efectivo recentemente: O noso grupo en Edimburgo comezou unha campaña contra a construción dunha macro prisión para mulleres. Elas non consideraron que esta fose un xeito progresista de rehabilitar as presas, moitas delas na cadea como resultado de violencia ou abusos na infancia ou adicción ás drogas. Levar esas mulleres vunlerables lonxe dos seus lugares de orixe e recluílas afastadas dos seus fillos e familias, que non as poderían apoiar visitándoas, non era a resposta axeitada. Satisfaime poder dicir que a campaña funcionou. O Ministerio escocés de Xustiza desbotou o plan para esta prisión e agora vai construír unidades locais máis pequenas, orientadas á rehabilitación e non ao castigo. Women for Independence fiso iso!

Por que a loita pola independencia non rematou co referendo?
Pola campaña do medo. Se lle mentes a unha poboación para empurrala a votar nun sentido determinado, vai saber decontado que foi engandada. Isto comezou a pasar poucas horas despois de que fose anunciado o resultado. Os partidos unionistas do Reino Unido dixéronlle á xente en Escocia que se votaban “non”, unha morea de competencias económicas serían devoltas ao Parlamento escocés. Pero agora, despois do referendo,e ses partidos non as están entregando dun xeito significativo. Non é só que os votantes do “si” estean enfadados, tamén o están moitos votantes do “non”. En só dous anos o apoio á independencia medrou do 27% ao 45%. O impulso está da nosa banda. O apoio á independencia está a medrar cada día.

"As enquisas din que o SNP podería gañar 57 dos 59 escanos nas eleccións xerais"

O seguinte paso son as eleccións a Westminster?
Si, vai ser un esperanzador punto de inflexión. Estamos nun escenario no que as enquisas indican que o Scottish National Party podería gañar 57 dos 59 escanos [que elixe Escocia] nas eleccións xerais. É pouco probable que os grandes partidos do Reino Unido teñan a capacidade de formaren un goberno maioritario. Eses 57 escanos do SNP e, agardo, algúns dos nosos amigos do Green Party e do partido independentista galés, Plaid Cymru, van estar nunha posición de moito poder.

Existe risco de frustración na sociedade escocesa no caso de que o “si” perda outra vez?

"A próxima ocasión, votar "si" ten que ser o obvio"

Coido que sería un risco para nós termos outro referendo demasiado cedo. A próxima vez que o fagamos ten que haber unha gran maioría do pobo esccés que o queira. A historia semella indicar que a Escocia lle cómpren dous intentos para lograr cambios constitucionais. En 1979 votamos para que se establecese o Parlamento Escocés a votación non foi exitosa. Tivemos que agardar 20 anos para termos outra oportunidade. Cando existiu esa oportunidade, unha masiva maioría votou “si” e obtivemos o noso Parlamento Escocés, o cal foi un grande éxito. Agardo que non teñamos que agardar 20 anos para ter outro referendo pola independencia, pero o estado de ánimo debe ser o mesmo. A próxima ocasión, votar “si” ten que ser o obvio.

Martin, no Parlamento de Galicia CC-BY-NC-SA Anova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.