O apoio de Caamaño reforza as opcións de Besteiro ante Pachi Vázquez

Besteiro, con militantes do PSOE da Coruña CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

"Non teño a vontade de presentarme e parñeceme un moi bo candidato Besteiro, porque creo que é a persoa que pode liderar o proceso para coser o partido (...) Tiven a oportunidade estes meses de falar con el e creo que ten un proxecto dun PSOE máis á esquerda, máis identificado con Galicia e no que vexo moitos puntos de coincidencia". O ex ministro de Xustiza, e secretario provincial do PSdeG na Coruña, Francisco Caamaño, non puido ser máis claro na entrevista que este martes publicou El País. Non són confirmou que non se vai presentar ás primarias do partido, senón que expresou o seu apoio rotundo a Gómez Besteiro, e mesmo se puxo "a disposición do futuro secretario xeral" para formar parte da Executiva, pero negou un pacto para ser portavoz parlamentario en detrimento de Abel Losada.

A longa carreira por liderar o PSdeG-PSOE aclárase un chisco, toda vez que o líder dos socialistas lucenses comeza a aglutinar os apoios dos persoeiros do partido que apostan pola renovación. Iván Puentes, de Novo Socialismo Galego, tamén negociará con Besteiro na procura de "estabilidade" para a formación. Á marxe deles tamén aspira a liderar o partido Manel Vázquez, alcalde da Illa. 

Pola súa banda, Besteiro avaliou de forma "moi positiva" as palabras de Caamaño . "Hoxe o novo proxecto socialista é un pouco máis grande e o proceso de renovación está máis claro", dixo nunhas declaracións recollidas por Europa Press. E concluíu: "que el mesmo diga que sente identificado co proxecto de partido que promovo, sen dúbida achega o capital político e humano que el representa, que é moito. Contar coa experiencia e a valía política de Fran Caamaño fai que o noso partido teña un futuro máis grande por diante". Mentres, o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, tamén respondeu ás palabras de Caamaño e sentenciou que "vale tanto o voto dun ministro como o dun militante".

Pachi Vázquez aínda non confirmou que se vaia presentar á reelección, aínda que este mesmo martes convidou a todo aquel que queira liderar o PSdeG a "saltar á area" se teñen "un proxecto" de liderado para o partido. Se antes do apoio expreso de Caamaño a Besteiro se podía pensar en que concorresen ás primarias tres ou máis opcións renovadoras, agora parece que estas posicións comezan a concentrarse claramente ao redor do presidente da Deputación de Lugo. Agora a loita pode centrarse en buscar o voto das agrupacións locais, algunha tan importante coma a de Vigo, coa que tanto Vázquez coma Besteiro tiveron contactos.

 

Besteiro: “A miña corrente é o PSdeG, e o meu equipo é a militancia"

José Ramón Gómez Besteiro referiuse esta mañá ao que considera o “concepto clave” do seu traballo para liderar o partido, “a integración”. “Veño traballando todos estes meses nun concepto clave, que é a integración. Este partido ter que estar máis unido e máis forte, por iso estou falando con todo o mundo e non exclúo a ninguén dese diálogo; estou disposto a falar con todo o que queira falar conmigo”, afirmou. O socialista destacou os conceptos de “renovación, integración e un partido máis galego e de esquerdas” neste proceso cara o cambio do PSdeG.

Gómez Besteiro incidiu en que “o apoio vén da militancia” neste proceso. “A miña corrente é o PSdeG, e o meu equipo é a militancia, e nesa suma de apoios estou traballando, dirixíndome aos e ás militantes”, dixo. Os socialista explicou que nas súas visitas ás cidades e comarcas trata de transmitir “o importante que é este proceso para facer un partido máis galego e máis unido” para o que hai que falar “con todos, sen excepción, porque os militantes son os que suman e votan, e os que adquiren un compromiso persoal”.

Caamaño, nun mitin do PSdeG CC-BY-NC-SA PS
Besteiro, con militantes do PSOE da Coruña CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.