O autogoberno galego, conxelado dende o inicio da crise

Rajoy recibe a Feijóo ás portas da Moncloa © Xunta

Maio de 2008. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, recibe no Pazo de Raxoi á ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado. No encontro participan tamén o vicepresidente do Goberno galego, Anxo Quintana, e o conselleiro da Presidencia, José Luis Méndez Romeu. Ao remate da xuntanza, Quintana abandona o recinto visiblemente contrariado e Touriño e Salgado explican que o modelo de relación bilateral co Estado proposto polo número dous do Goberno galego non chegaría ata a reforma do Estatuto de Autonomía. Mentres, seguiríase a traballar no traspaso de competencias, a comezar polo Parque das Illas Atlánticas e o Hospital da Defensa de Ferrol. Ese ano a Vicepresidencia pactou tamén o traspaso de museos, bibliotecas e arquivos estatais, as bolsas de estudo e a Inspección de Traballo. Foron as últimas ata o momento.

Menos dun ano despois daquel tenso encontro de Raxoi a Xunta cambiaba de mans e, no retorno do PP, Alberto Núñez Feijóo comprometíase a rematar o pacto iniciado por Quintana e, ademais, a negociar dez traspasos máis, a saber: a titularidade das autoestradas AP-9 e AP-53, obras hidráulicas, dominio público hidráulico, ordenación pesqueira, meteoroloxía, investigación oceanográfica, titulacións e tarxetas naútico-pesqueiras, inspección e vixilancia pesqueira, ordenación do dominio público marítimo-terrestre e persoal de Xustiza. Chegáronse a producir reunións da comisión Galicia-Estado pero o Goberno de Zapatero negouse, segundo a Xunta, a ceder.

A Xunta non sumou ningunha competencia nova dende a chegada de Feijóo

En novembro de 2011 o PP retorna ao Goberno do Estado e o actual vicepresidente, Alfonso Rueda, anunciaba a súa intención de "trasladarlle ao novo Goberno a posición mantida dende sempre", isto é, a necesidade dun "maior autogoberno dende a responsabilidade e a lealdade", un "compromiso" asentado en que o "avance do autogoberno" redunda "na mellora da xestión pública". Pero os meses avanzaron, as eleccións adiantáronse e a primeira lexislatura de Feijóo rematou como comezara, con ningunha competencia nova. Cando falta pouco máis dun mes para chegar ao primeiro ano do segundo mandato dos conservadores o contador segue a cero.

Visións sobre o bloqueo

Pero, por que non chegan novas competencias a Galicia? Os grupos da oposición parlamentaria coinciden en sinalar dúas causas esenciais: a resistencia do Goberno central e a escasa vontade do Goberno galego. "É unha faciana máis da teoría e da práctica política da dereita", sintetiza o voceiro parlamentario do PSdeG, Abel Losada. En conversa con Praza Pública o portavoz socialista sinala que o PP galego optou polo "conformismo", "supeditado á estratexia estatal do PP no tema das competencias e en moitos máis". Isto, di, acontece en pleno "proceso de recentralización, tanto cara ao Goberno central" como "cara ás deputacións". Mentres, lamenta, "o señor Feijóo non di unha palabra".

Losada (PSdeG): "Feijóo está supeditado á estratexia de recentralización do Goberno central"

"Non se concedeu ningunha nova competencia, pero é que tampouco se pelexou por elas", argumenta a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, quen lamenta, en declaracións a este diario, que a Xunta "nin dea o debate diante das agresións recentralizadoras do Estado". Neste contexto, a parlamentaria de Alternativa lembra "dous casos senlleiros" para exemplificar a súa postura: "a invasión de competencias" que supón a LOMCE -a coñecida como Lei Wert- no ámbito educativo e o caso semellante que se dá coa nova lei de Administración Local. "Nós instamos á presentación de recursos de inconstitucionalidade e dixéronnos que non". O PP, resume, "considera que somos unha habilitación funcional" da Administración central, e "vannos converter nun simple rexistro, sen capacidade de autogoberno".

Para o voceiro do BNG na Cámara galega, Francisco Jorquera, o bloqueo nos traspasos é "atribuíble", esencialmente, a que "o señor Feijóo non acredita no autogoberno". "Non se substanciou ningún traspado non só pola actitude refractaria do Goberno central, senón pola actitude sistemática do señor Feijóo dende que é presidente", di o parlamentario do Bloque, quen sinala para Praza que o PP galego non só "non demanda novas competencias", senón que tampouco "exerce as que ten", dado que "a súa política consiste en eludir as súas responsabilidades". "Prefire non ter competencias para non ter que responsabilizarse", resume Jorquera, quen tamén identifica un proceso de "recentralización" no Estado.

A crise como "escusa"

Os tres grupos opositores coinciden tamén á hora de rexeitar que a crise teña que ser, por si mesma, un freo ao autogoberno. Así, lembra, Losada, os socialistas "cando formulamos a reforma do Estatuto" fixérono porque "entendemos que a ampliación e a clarificación do ámbito competencial é sempre unha ferramenta política positiva para loitar contra a crise". "Máis autogoberno é positivo porque significa darlle á Xunta máis ferramentas para loitar contra a paralización económica". O PP, di, ten "unha orientación ideolóxica clara" de frear o autogoberno, aínda que a "traviste" con "discursos" como, por exemplo, a necesidade de promover a "unidade de mercado".

Díaz (AGE): "A cidadanía é a que paga este modelo caduco e reaccionario"

"Non se debe a razóns de carácter económico", senón a que "lles molesta ata o escaso modelo que temos contemplado no título oitavo da Constitución", asevera Yolanda Díaz, para quen, lonxe de supor un obtáculo en tempos de crise, "as transferencias de competencias supoñen un aforro". "Canto máis afastamos a administración da cidadanía, máis cara sae", di a vicevoceira de AGE, quen censura ademais que se "lle faga pagar a cidadanía" o "prezo" de pretender aplicar un modelo de gobernanza "caduco e reaccionario".

Jorquera (BNG): "Para termos ferramentas para saír da crise Galiza precisa poder de decisión"

Do mesmo xeito, Francisco Jorquera evidencia que "o traspaso de toda competencia trae consigo o traspaso de dotación económica para asumila", polo que "se se acredita na necesidade de expandir o autogoberno", a crise non debera ser unha escusa. "Para termos ferramentas para saírmos da crise Galiza precisa poder de decisión", di o parlamentario nacionalista, quen pon o foco en que "moitos dos problemas" actuais do país "derivan de decisións políticas que se toman noutras instancias", caso por exemplo "do futuro do noso aforro" ou de "sectores básicos como o naval, a pesca ou o agro". "Nesesitamos pór os recursos do país ao servizo do país" e "para isto é imprescindíbel ampliar o autogoberno", conclúe.

Comisión bilateral Galicia-Estado, aínda co Goberno de Zapatero © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.