O aval de Xunta e Concello da Coruña non acouga a loita veciñal contra o proxecto urbanístico das Percebeiras

Agra das Percebeiras, no barrio de Labañou, coa Torre de Hércules ao fondo CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Nos últimos días, o barrio coruñés de Labañou e os seus arredores apareceron engalanados con carteis en paradas de autobuses e valados publicitarios contra "os mamotretos das Percebeiras" e a prol dun "parque público para a veciñanza" e da "protección do borde marítimo". A campaña, impulsada polo BNG, rexeita o polémico proxecto urbanístico previsto na zona --ao pé do mar e nunha das últimas amplas zonas verdes que conserva o espazo urbanizado da cidade-- e únese á que a Marea Atlántica desenvolve tamén contra a iniciativa. 

A Xunta avalou o plan das Percebeiras pola vía rápida malia a petición da Marea, BNG e a asociación veciñal para unha avaliación ambiental ordinaria e detallada

As dúas formacións, soportes do PSOE na corporación municipal, sitúanse enfronte dun proxecto que rexeita tamén a asociación veciñal de Labañou polo impacto paisaxístico, ambiental, social e de mobilidade no barrio. Pero o primeiro paso para As Percebeiras está dado. O DOG publicou este luns o visto e prace da Xunta ao proxecto a través dunha avaliación ambiental simplificada na que se rexeita levar a cabo un procedemento ordinario e máis detallado, tal e como solicitaran a veciñanza, BNG e Marea e tal e como se fixera en 2017 ante o anterior proxecto para a zona, que fora desbotado pola Administración galega. 

As Percebeiras, desde Labañou e desde o litoral, nunha imaxe do informe de avaliación ambiental CC-BY-SA Xunta

"Chama moito a atención que en 2017 un proxecto moi similar fora avaliado pola vía ordinaria e que desta vez se fixese pola pola simplificada. Non entendemos que mudou na Xunta en tres anos", di Pablo Leira, secretario da asociación de veciños de Labañou. 

PSOE e PP uniron os seus votos para rexeitar a proposta do Bloque dunha avaliación ambiental detallada

PSOE e PP uniran xa os seus votos antes da publicación do informe para votar contra a avaliación ambiental detallada solicitada polo BNG no Parlamento galego. Agora, tras este trámite, o plan para as Percebeiras deberá ser presentado polos promotores --Metrovacesa-- incorporando os cambios suxeridos pola Xunta, volver ser aprobado inicialmente pola Xunta de Goberno Local e pasar por exposición pública antes de chegar ao pleno. 

Alí o executivo socialista precisará, como mínimo, a abstención do Partido Popular para a aprobación definitiva do proxecto, criticado tamén por comparación coa decisión de protección que o goberno de Inés Rey vén de tomar noutros bordes litorais da cidade. "Aí cada grupo deberá posicionarse e facelo do lado da veciñanza ou da empresa promotora", engade Pablo Leira. En outubro, o voto favorable socialista e a abstención dos populares rexeitou unha proposta para retirar o plan urbanístico. 

A Xunta considera "aceptable" o proxecto, con edificios de 11 e 14 alturas no litoral, malia recoñecer o "apantallamento" do mar e da Torre de Hércules

Polo momento, na avaliación ambiental publicada este luns, a Xunta considera "aceptable" a integración paisaxística malia recoñecer o "apantallamento" do mar e da Torre de Hércules e suxire solucións de tipo estético pola "alta visibilidade que terán os edificios" na bahía do Orzán. Tamén expresa dúbidas sobre como influirán  na contorna tres dos dez edificios, o máis alto e os dous máis achegados á costa. E pide "estudar en detalle" a forma de resolver a envolvente conxunto dos dous bloques ao "non resultar clara a incidencia de tal solución na marxe final desta área". 

Son 371 vivendas (148 delas de protección oficial), repartidas en varios bloques que van das tres alturas ás 14. Haberá un edificio con este número de pisos, outro de once e dous de oito. Son case 56.000 metros cadrados de inmobles dos 60.000 de edificabilidade nesta agra.  

Recreación do proxecto previsto nas Percebeiras, no barrio de Labañou da Coruña © Concello da Coruña

A asociación veciñal censura que o Concello blinde o litoral das Xubias rebaixando a edificabilidade mentres segue adiante co plan en Labañou

O Goberno galego non ve problema coa contorna natural, malia que alí existe un "corredor ecolóxico", e aclara que o deseño dos bloques non fará sombra ás edificacións xa existentes na zona. Por iso, celebra as mudanzas que Metrovacesa fixo respecto dos proxectos anteriormente desbotados. Ademais, advirte de que o crecemento da vexetación xa impide nalgunhas épocas a visibilidade esixida da Torre de Hércules, malia dar para diante á construción dunha ducia de edificios a través dos cales só será posible esa visibilidade nun espazo de 24 metros desde a avenida principal que transcorre paralela ás Percebeiras. 

Na asociación de veciños do barrio, ao igual que fan Marea Atlántica ou BNG, censuran tamén que o Concello blinde o litoral nas Xubias cun cambio no plan xeral,  paralizando un ano a concesión de licenzas urbanísticas e revisando o planeamento urbanístico para rebaixar a edificabilidade mentres mantén o plan previsto para As Percebeiras. 

"Non hai nada que explique por que nun lugar se actúa así e noutro non; o Concello non nos dá ningún argumento que nos convenza da diferenza de criterio", asegura Leira, que aclara que desde a asociación de veciños entenden que "non hai dereitos consolidadeos dos promotores" ao terse incumprido xa os prazos para o desenvolvemento urbanístico. 

O Concello entende que a diferenza está en que no litoral das Xubias, da praia de Oza á ponte da Pasaxe, non se iniciou ningunha tramitación de desenvolvemento urbanístico desde a aprobación do PXOM en 1998, mentres que en Labañou Metrovacesa conta co visto e prace para construír logo de modificar o proxecto inicial de 2016. 

Cartel do BNG contra o proxecto das Percebeiras, en Labañou CC-BY-NC-SA BNG A Coruña

A asociación de veciños --que conta co apoio do movemento veciñal corués e de ducias de colectivos-- entende tamén que o plan das Percebeiras non se adapta ás repetidas políticas pola sustentabilidade, de loita contra o cambio climático ou prioridade ao espazo peonil e ao transporte alternativo plasmados en documentos estratéxicos concretos. Moito menos ás reivindicacións aos espazos verdes e abertos que xurdiron coa chegada da pandemia e as dúbidas sobre os modelos de habitabilidade, máis nunha cidade con elevada densidade de poboación e carencia de parques. 

O PXOM de 2013 prevía 310.000 habitantes en 2025 na Coruña, que aínda non supera os 250.000 e ten unhas 20.000 vivendas baleiras

A veciñanza lembra tamén, como fan BNG e Marea Atlántica, que o proxecto non responde a unha demanda real de novas vivendas na Coruña. Así, lembra que o PXOM de 2013, vixente nesta altura, prevía que a poboación do concello chegase ás 310.000 persoas en 2025 cando, neste momento, non alcanza nin as 250.000. Mentres, recorda o colectivo veciñal, calcúlase que hai sobre 20.000 vivendas baleiras no municipio. 

Malia o visto e prace inicial da Xunta e do Concello, a loita contra o plan nas Percebeiras "está moi viva", aclara Pablo Leira. A asociación veciñal prevé presentar alegacións no trámite de información pública e, no suposto de que o proxecto sexa definitivamente aprobado polo pleno municipal, estudará a vía xudicial. Será, advirten, un proceso longo no barrio de Labañou que, en varias pintadas, pide seguir "aberto ao mar". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.