Adif encarga outro estudo previo, agora dos efectos sobre os acuíferos dunha liña de 53 quilómetros que custaría máis de 2.000 millóns de euros
15 anos despois da decisión que priorizou e acelerou a construción da liña de AVE Ourense-Santiago e deixou aparcada a inicialmente prevista entrada única da alta velocidade en Galicia a través de Ourense-Vigo-Santiago, Adif vén de encargar un novo estudo previo que demora outros tres anos a conexión do sur do país a través da denominada liña Ourense-Vigo por Cerdedo. Como anteriormente xa fixeron outros departamentos de Fomento ou Medio Ambiente, o novo estudo supón deixar para posteriores gobernos a decisión final de construír ou non unha liña de pouco máis de 50 quilómetros para evitar rodeos por Santiago aos trens da provincia de Pontevedra que custaría máis de 2.000 millóns de euros e que políticos de toda cor reclaman en público pero rexeitan en privado.
O AVE por Cerdedo tería 43 dos seus 53 quilómetros en túneles, incluíndo un de 18 quilómetros que sería o terceiro máis longo do Estado
En concreto, Adif vén de sacar a concurso, coa súa publicación no Boletín Oficial del Estado (BOE) e cun prazo de execución de tres anos, un estudo hidroxeolóxico do trazado polo que discorrería unha liña de 53,7 quilómetros dos que 43,2 quilómetros irían soterrados. A liña incluiría dous túneles paralelos de 18 quilómetros, que os situarían no terceiro posto estatal por lonxitude, tras os 28 quilómetros dos túneles de Guadarrama na entrada a Madrid e os 24 quilómetros dos de Pajares na entrada a Asturias, afectados estes últimos por numerosos problemas hidrolóxicos.
Os prazos do novo estudo agora encargado para previr problemas hidrolóxicos deixa novamente en mans de futuros gobernos a decisión final de construír ou non unha liña que sucesivos executivos tanto populares como socialistas aseguraron que estaban a impulsar pero que en preto de dúas décadas non pasou aínda dos planos.
Inicialmente estudouse a chegada do AVE a Vigo e o sur de Galicia desde Ourense de xeito paralelo ao río Miño, por onde discorre a liña convencional actual, pero os seus elevados custo e impacto ambiental fixo que se descartase. Coa liña entre Ourense e Santiago xa lanzada ao igual que o Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo, apareceu a proposta de unir ambas desde O Carballiño a través de Cerdedo co norte da cidade de Pontevedra evitando así que os trens que circulasen entre as Rías Baixas e Ourense tivesen que dar un rodeo por Santiago nunca ben cuantificado pero que oscilaría entre os 15 e os 30 minutos.
En xuño de 2003 o Concello de Vigo reclamou por primeira a través dunha moción aprobada polo Pleno o trazado por Cerdedo
Unha vez que comezou a ser evidente que non ía haber unha liña de AVE paralela ao río Miño, a primeira vez que Vigo reclamou de xeito oficial o trazado por Cerdedo foi a través dunha moción aprobada polo Pleno da Corporación o 6 de xuño de 2003. Non sería ata setembro de 2007 cando se coñecería o primeiro estudo serio desa liña, cando o BOE publicou a aprobación inicial do estudo informativo do seu trazado. Desde aquela, os trámites sucedéronse sen que ningún goberno se atrevese a poñer data de inicio das obras. En marzo de 2010 o Ministerio de Medio Ambiente aprobou a súa declaración de impacto ambiental favorable ao proxecto, e ese mesmo mes Fomento aprobaba de xeito definitivo o estudo informativo para medio ano despois contratar a redacción do proxecto básico das súas obras. Durante ese proceso introducíronse no trazado diversas modificacións para mellorar as súas prestacións e dous anos despois o daquela 'número 2' de Fomento, Rafael Catalá, anunciaba no Congreso que era precisa unha nova declaración de impacto ambiental, o que retrotraía todo a cinco anos antes. Agora, cinco anos despois, Adif encarga un estudo hidroxeolóxico que demorará outros tres anos os estudos da liña.
Durante a longa tramitación do AVE por Cerdedo apareceron propostas de trazados alternativos entre Ourense e Vigo e Adif e Renfe foron executando medidas para axilizar a circulación dos trens por Santiago
Durante toda esta longa tramitación previa, ao tempo que xurdían diversas propostas de trazados alternativos entre Ourense e Vigo e Adif e Renfe ían executando medidas para axilizar a circulación dos trens por Santiago, políticos de todas as cores que en privado dubidan da súa viabilidade veñen reclamando en público o AVE por Cerdedo, presentándose a si mesmos como impulsores do mesmo cando o seu partido está no poder ou fiscalizando desde a oposición o que consideran parálises innecesarias cando gobernan os seus opoñentes.
Hai uns meses un destacado político galego instaba en privado a varios xornalistas de diversos medios a que fosen eles os que se pronunciasen de xeito público sobre a inviabilidade de gastar máis de 2.000 millóns no AVE de Cerdedo para uns aforros de tempo que consideraba pouco rendibles. Facíao pouco despois de reclamar en público que se acelerase a construción desa liña presentando a súa demora como unha nova aldraxe.