O Bloque colle impulso e aposta por un proxecto "aberto, plural e inclusivo"

O BNG celebrou o seu 34º aniversario © BNG

Todo é cuestión de expectativas. O peor resultado do BNG nunhas eleccións autonómicas desde 1989 foi recibido con alivio, ledicia e "punto de inflexión" na fronte nacionalista. En continua caída na última década, os augurios das enquisas e a consolidación de forzas no seu espazo político facían temer outro mal resultado. Perdeu case 30.000 votos con respecto ás últimas eleccións galegas pero recuperou uns 80.000 desde que o pasado xuño non alcanzara nin os 45.000 sufraxios nas xerais. Poucas veces unha campaña pareceu tan decisiva na remontada dunhas enquisas que non só lle poñían en perigo o grupo parlamentario, senón a súa propia entrada na Cámara. 

O BNG reivindica unha campaña "en positivo" e "cun sorriso"

O "efecto Pontón", chamoulle o BNG, que por vez primeira en tempo optou por unha campaña en positivo, esperanzadora e de boa cara. "Foi ilusionante, en positivo", asume a formación, que lembra que a xente saíu defender o seu proxecto "cun sorriso". Pero que non supuxo docilidade con Feijóo e a dereita. Deixou clara a súa aposta por un goberno de cambio e a candidata tirou de experiencia e táboas nun debate no que puxo contra as cordas o intocable presidente e virou a tendencia da súa formación. 

"O nacionalismo galego deu un dos seus pasos adiante máis importantes na última década", di Pontón

"O nacionalismo galego deu un dos seus pasos adiante máis importantes na última década", asegurou este luns Ana Pontón ao analizaros resultados. A candidata dixo ser consciente da "esperanza e ilusión" xerada en "milleiros de persoas" e albisca a "apertura dunha nova etapa do nacionalismo galego". Para o Bloque, estes votos recuperados e este repunte respecto das xerais é a "base sólida sobre a que construír un camiño diferente" ao partires "dunha posición moi difícil". "Creo que conseguimos un resultado excepcional no contexto no que estabamos traballando", engadiu.

O Bloque aposta por "fortalecer o proxecto nacionalista" e facelo "inclusivo"

Así, aposta por "fortalecer o proxecto nacionalista" e facelo "inclusivo". "Plural, onde teñen caida todas as persoas que queiran sumar para construír unha Galicia mellor,  unha Galicia con futuro", dixo. "Collemos aire nas velas e iso supón un impulso para unha nova etapa", rematou, tras volver cualificar de "irresponsabilidade" a falta de acordo da esquerda a nivel estatal e advertir de que o BNG irá "a por todas" no caso de que se celebren outras eleccións xerais. 

O BNG celebrou o seu 34º aniversario © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.