O Bloque insiste nunha alianza con Anova para as eleccións europeas

Xavier Vence e Xosé Manuel Beiras CC-BY-SA Praza Pública

O Bloque insiste nunha alianza nacionalista de cara ás eleccións europeas. O Consello Nacional do BNG deste venres aprobou as bases políticas para conformar a candidatura aos comicios do vindeiro mes de maio, nun documento no que se exclúe as forzas "de obediencia española", en clara alusión a Esquerda Unida (EU), que forma parte da coalición Alternativa Galega de Esquerda (AGE) xunto aos ecosocialistas, Equo ou Anova, esta última forza a destinataria da proposta do BNG, que aspira á conformación dunha gran fronte soberanista que incluiría a Amaiur ou Esquerra, coas que a formación nacionalista acelera as conversas.

O Consello Nacional aproba as bases políticas que apostan por unha coalición soberanista que exclúe as forzas "de obediencia estatal"

Xa que logo, o BNG iniciou xa os contactos cos partidos nacionalistas de esquerdas para pechar no vindeiro outubro unha alianza que aseguraría o soberanismo galego a súa presenza no Parlamento Europeo. As bases políticas condicionan estas conversas á "defensa dos intereses de Galicia" e da súa soberanía a través dunha "alternativa" contraria "ao secuestro da vontade popular polas corporacións económicas e os estados", tal e como aclarou Vence.

Anova debátese entre a coalición soberanista ou unha fronte ampla de esquerdas que inclúa a EU

A pelota queda agora no tellado de Anova, que se debate entre manter a estratexia seguida con AGE e apostar por unha alianza na que se inclúan todas as forzas da esquerda transformadora estatais, incluído as soberanistas e EU, ou inserirse nunha fronte que inclúa unicamente forzas de esquerda soberanistas, da que se excluiría a coalición de esquerdas que lidera Cayo Lara.

O Consello Nacional insta a "combater" o modelo económico e social da UE por estar "baixo a tiranía da troika, que só causa miseria e empobrecimiento crecente á maioría da sociedade" e fai un chamamento ás formacións galegas que "estean dispostas a manter a prioridade de representación de Galicia como pobo, sen depender de forzas políticas de obediencia española".

Ademais, Xavier Vence volveu animar a cidadanía galega a participar na mobilización que o Bloque convocou para o vindeiro domingo en Compostela baixo o lema Por unha patria soberana.

Xavier Vence, voceiro nacional do BNG © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.