O BNG acusa o alcalde de Cerceda de participar nunha estafa de 200 mil euros

Museo da Minaría de Cerceda ocupa a vella estación de ferrocarril de Meirama © Concello de Cerceda

A portavoz municipal do BNG de Cerceda, Rocío da Igrexa Prego, vén de advertir da participación do alcalde de Cerceda nunha "trama" dunha "estafa" xa denunciada polo Banco Pastor. O Bloque solicita a convocatoria urxente dun pleno extraordinario para que o rexedor explique os feitos. Os nacionalistas relatan que, segundo os datos da denuncia, "o alcalde de Cerceda asinou o endoso bancario dunha certificación falsa de 202.242,90 euros, feita por un contratista que foi nas listas do PSOE no 2007 e depositada no Banco Pastor, que aceptou o endoso a pesar de carecer do requisito imprescindíbel da sinatura e conformidade da Intervención municipal, feito polo que semella xa foi trasladado de sucursal fai un par de meses”.

A factura correspondía supostamente á obra do Museo da Minaría de Cerceda antes do seu remate. Segundo o BNG, unha vez rematadas as obras certificáronse pola mesma cantidade de 202.242,90 euros e fíxose outro endoso a outra entidade bancaria (ao Banesto), "esta vez cumprindo a legalidade, coa sinatura do alcalde e da interventora municipal e pagada en setembro do ano pasado".

Rocío da Igrexa afirma que "a gravidade dos feitos obrigan o alcalde a dar a cara e todo tipo de explicacións aos veciños e veciñas de Cerceda"

Ante esta fraude o Banco Pastor interpuxo un recurso contencioso administrativo contra o concello e a empresa. E os propios servizos técnicos do concello de Cerceda fixérono ante Fiscalía, que xa tomou declaración o pasado 7 de xuño á interventora municipal.

Rocío da Igrexa afirma que "a gravidade dos feitos obrigan o alcalde a dar a cara e todo tipo de explicacións aos veciños e veciñas de Cerceda pola súa presunta participación nesta estafa. E agardo que non demore por moito tempo a súa comparecencia diante do pleno da corporación municipal".

Museo da Minaría de Cerceda ocupa a vella estación de ferrocarril de Meirama © Concello de Cerceda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.