"O Goberno decidiu salvar os bancos e sacrificar as vítimas", resumiu Olaia Fernández Davila, voceira do BNG no Congreso, durante o debate dos Orzamentos que se está a dar este mércores na Cámara. Para a formación nacionalista, que presenta unha emenda á totalidade ás contas, o Executivo conservador centra a súa política económica en "cumprir co déficit a costa das políticas sociais, de non crear emprego nin cohesión fiscal".
"Antepoñen intereses da banca ao das persoas mentres avalan o pago de intereses polo rescate do sector financeiro"
"Antepoñen intereses da banca ao das persoas mentres avalan o pago de intereses polo rescate do sector financeiro", insistiu Fernández Davila, que lembrou que a débeda do Estado "non é debida ás políticas sociais, senón á desfeita da banca" e advertiu de que as contas presentadas polo Goberno "son contrarias á maioría social".
Do mesmo xeito, preguntoulle ao ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, se "vai ou non haber rescate", acusándoo de "crear unha inseguridade nada positiva", ao igual que fai coa teórica revalorizacións das pensións. "Non se van revalorizar aínda que as suban o 1%. Este 1% non representa revalorización ningunha; non van cumprir o prometido", reprochoulle.
O BNG acusou o Estado de "practicar o artificio orzamentario no AVE cunha dotación anormalmente elevada e non detallada"
Ademais, e en canto ás partidas dos Orzamentos para Galicia, Olaia Fernández Davila acusou o Estado de "practicar o artificio orzamentario no AVE cunha dotación anormalmente elevada e non detallada", logo de censurar a actitude de CiU e ERC, tras as súas últimas críticas aos investimentos en alta velocidade galega. "Con todo cariño, desde o BNG entendemos a reivindicación das infraestruturas para Catalunya, pero non imos deixar de defender os nosos dereitos", asegurou a voceira do Bloque, que recordou que Galicia "ten tanto dereito" como os cataláns e incluso "unha necesidade maior" de infraestruturas. "Non tomen a Galicia como se fosemos os culpables de que non teñan as necesidades cubertas, porque somos nós os que non as temos cubertas logo de anos de compromisos incumpridos por parte dos gobernos", recriminou.
"Non tomen a Galicia como se fosemos os culpables de que non teñan as necesidades cbuertas", dille Fernández Davila a CiU e ERC
Na súa resposta aos grupos minoritarios, Cristóbal Montoro obviou a Galicia e centrouse en censurar os obxectivos independentistas de Catalunya, aínda que fixo unha alusión global. "As criticas sementan desesperanza e desconcerto e son profundamente insolidarias. Detrás delas levantaron bandeiras políticas para mostrar que desde as diferenzas se crea confianza cando é ao revés. É hora de que baixen bandeiras. Nunha democracia hai que elixir o obxectivo", asegurou, logo de acusar de "vitimistas" aos grupos cataláns.