O BNG advirte da non renovación dos contratos de cinco hidroavións

Un incendio, visto dende un helicóptero de brigadistas © @Briflaza

A voceira do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, vén de presentar unha pregunta parlamentaria dirixida ao Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente na que pregunta sobre a decisión de non renovar o contrato dos cinco hidroavións destinados á loita contra incendios, o que suporía "que Galiza vai quedar desprotexida en caso de grandes incendios como o do ano pasado en Ourense".

Así, o Bloque pretende coñecer como o Goberno central pretende "garantir os medios materiais suficientes para loitar contra o lume este verán". “Non se trata dun mal momento para reducir medios tan necesarios como os hidroavións? Ten intención o Ministerio de substituir a curto prazo estes medios? Adquirirá avións deste tipo?”, son algunhas das preguntas que formula Davila ao Ministerio.

O Goberno central decidiu o pasado 31 de marzo non renovar o contrao de cinco hidroavións con base en Salamanca

Fernández Davila explica que o Ministerio decidiu o pasado 31 de marzo non renovar o contrato de operación e mantemento de cinco hidroavións que tiñan a súa base en Matacán (Salamanca), un contrato cunha empresa privada que custaba 4,3 millóns de euros. A voceira do BNG lembra que estes avións tiveron unha “especial actuación na extinción de lumes en Ourense". "A base de Salamanca tiña por obxectivo dar servizo a todo o noroeste peninsular, aínda que tal e como recoñecen os propios brigadistas, onde máis actividade tiñan é en Galiza, sobre todo en Ourense”, di.

"Estamos ás portas do verán, e preocupa que se poida mermar a capacidade de reacción porque os hidroavións teñan que vir desde máis lonxe”, di o BNG

Así, recorda que o pasado ano rexistráronse en territorio ourensán dous grandes incendios. A deputada deixa claro queu o Bloque “sempre defendeu que os medios para facer fronte ao lume debían ser públicos, non subcontratados, pero resulta preocupante que se faga este recorte no inicio da campaña contra os incendios". "Estamos ás portas do verán, e preocupa que se poida mermar a capacidade de reacción porque os hidroavións teñan que vir desde máis lonxe”, engade.

Para Olaia Fernández Davila o Ministerio debe explicar "por que razón recorta os medios anti incendios ás portas do verán" e quere "saber se vai aumentar os recursos económicos e  traspasar ás autonomías as partidas precisas para se dotar cos medios necesarios".

Lume no incendio do Barco Dominio Público @isolasdelasolas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.