O BNG advirte de que o PP inicia con Telmo Martín a "estratexia do transfuguismo" cara ás municipais

Visita de Ana Pontón a Sanxenxo © BNG

Hai agora unha semana confirmábase que Telmo Martín retornaba á alcaldía de Sanxenxo, cargo que xa ocupara de 1999 a 2006. O construtor ao que a Xunta de Feijóo perdoou unha multa de tres millóns de euros malia o seu patrimonio persoal de máis de 21 millóns que o convertería no deputado máis rico do Congreso entre 2011 e 2015, volvía á súa orixe e recuperaba a alcaldía da súa vila. Entregoulla o ata o de agora alcalde, Gonzalo Pita, dun partido local escindido no seu momento do PP e que gobernaba desde hai dous anos co apoio de PSdeG e BNG.

O alcalde dun partido independente que gobernaba co apoio do PSdeG e o BNG entregoulle a alcaldía a Martín

A dous anos dunhas novas eleccións municipais, o paso dado en Sanxenxo supón unha reedición da vella estratexia do PP provincial -antes dirixido polo imputado Rafael Louzán e agora polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda- de fortalecerse aos poucos a nivel local antes dos seguintes comicios municipais. Consiste en recuperar alcaldías a través da reintegración de independentes escindidos, como no caso de Telmo Martín, ou de mocións de censura, opción máis complexa e á que só poderá recorrer durante o próximo ano, xa que a lei impídeo no último ano de mandato. O BNG defínea de maneira máis directa e denuncia a "estratexia de transfuguismo" que, advirte, os populares veñen de iniciar en Sanxenxo de cara ás vindeiras eleccións. 

Así o asegurou a portavoz do Bloque, Ana Pontón, que se desprazou a Sanxenxo para denunciar a táctica do PP de "volver colocar a Telmo Martín na alcaldía pola porta de atrás". Responsabilizou, ademais, directamente a Feijóo e ao presidente popular na provincia, Alfonso Rueda, e situou o "epicentro" deste plan na "moción de censura encuberta para recolocar o que foi paradigma da figura alcalde-promotor e máximo expoñente dun urbanismo salvaxe".

Pontón acusa a Feijóo e Rueda de iniciar en Sanxenxo a "estratexia de transfuguismo" e "volver colocar a Martín na alcaldía pola porta de atrás"

Pontón criticou que Feijóo estea “disposto a todo, sen o máis mínimo reparo democrático, utilizando as prácticas caciquís que deberían estar erradicadas da política”. Ademais, tirou de ironía, lembrándolle ao presidente da Xunta aquelas comentadas palabras de Rajoy nunha campaña electoral: "Es el vecino quien elige al alcalde y es el alcalde quien quiere el vecino que sea el alcalde". "Pois a Telmo Martín non o elixiron os veciños e veciñas de Sanxenxo, senón que quere acceder á alcaldía pola porta de atrás", alegou. 

Para o BNG, coa operación que acaba coa volta de Martín á alcaldía, o PP "amosa o seu nerviosismo e demostra que as vellas prácticas caciquís e do transfuguismo, -que son unha vella forma de corrupción-, seguen instaladas no PP". Ana Pontón, ademais, advertiu que esta estratexia de "cambio de cadeiras" como a que se deu en Sanxenxo terá "novos exemplos" na provincia de Pontevedra. 

 

Moción de censura inminente en Tui

De feito, o máis inminente semella que se dará en Tui, onde a moción de censura contra o alcalde do PSdeG, Enrique Cabaleiro, está máis perto. Os portavoces na localidade do PP, Ciudadanos Tudenses (CT) e Alternativa de Tui (Aptui) anunciaron este xoves a súa dimisión e renuncia como concelleiros, condición que puxo Converxencia 21 para pacatar un goberno alternativo e desaloxar o rexedor socialista. 

O BNG advirte que a estratexia do PP en Sanxenxo terá "novos exemplos" na provincia; en Tui, a moción de censura para desaloxar o PSdeG está lista

Na corporación de Tui teñen representación un total de oito partidos. O actual goberno está formado por catro grupos: o PSdeG -segunda lista máis votada tras o PP con tres concelleiros- formou goberno co BNG (2 concelleiros), Son de Tui (1) e Alternativa Tudense (3), contando co apoio de Converxencia 21, que xunto a Alternativa Tudense esixiron cambios no PP local para levar a cabo unha moción de censura que, ante a necesidade de que tomen posesión os novos edís, podería demorarse varias semanas. 

No caso de Sanxenxo, e logo da marcha en 2006 de Telmo Martín, a súa substituta e ata daquela tenente de alcalde, Catalina González, non foi quen de manter a unidade do PP, que se escindiu e deu orixe a Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL). Nas municipais de 2015, nas que volveu ser o candidato do PP no seu municipio, Martín obtivo 8 concelleiros, quedando a un da maioría absoluta, o que facilitou que accedese á alcaldía o SAL (4 concelleiros), co apoio de BNG (3 concelleiros), PSdeG e Sanxenxo Pode (un concelleiro cada un dos dous últimos).

Desde maio de 2015, o PP recuperou cinco alcaldías en Galicia a través de mocións de censura

Ao pouco tempo esa última formación deixou o goberno local en minoría e agora o alcalde do SAL, Gonzalo Pita, entrega o seu bastón de mando a Martín, quen este venres agradeceulle a súa “xenerosidade” por cederlle “voluntariamente” o cargo. Faino argumentando como detonante discrepancias coa rama nacionalista do goberno de PSdeG e BNG da Deputación de Pontevedra coa que o Concello executa as obras de reforma da avenida Luis Rocafort, principal acceso á praia de Silgar. 

Dende as eleccións municipais de maio de 2015, 18 concellos galegos cambiaron de alcalde ou alcaldesa (dúas veces no caso de Boimorto). En sete deses casos, a mudanza foi debida a unha moción de censura e en cinco dos sete casos, foi o PP quen accedeu ao goberno municipal a través desta fórmula. Os populares accederon á alcaldía que non ostentaban en Boimorto, Oia, Noia, Pontecesures e Santa Comba. Agora, a de Sanxenxo e, proximamente, en Tui. Pode que non sexan os últimos casos. 

Telmo Martín co ata o de agora alcalde de Sanxenxo, o independente escindido do PP Gonzalo Pita Dominio Público telmomartin.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.