O BNG alerta da "fragmentación" da esquerda e insiste en non incorporarse ás mareas

Xavier Vence fai balance das asembleas CC-BY-SA BNG

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, advertiu que existe unha "preocupación" na sociedade pola "excesiva fragmentación" da esquerda e do nacionalismo, polo que alertou de que conseguir unha "alternativa forte" fronte ao PP "non é posible nin desde a dialéctica das cúpulas, nin desde a dialéctica da fragmentación até o infinito dalgunhas organizacións políticas".

O BNG celebrou 127 asembleas nas que participaron unhas 5.000 persoas, o 60% delas non militantes

Afirmouno Vence tras facer balance do proceso Construíndo futuro, unha rolda de asembleas abertas impulsadas pola formación e nas que participaron unhas 5.000 persoas en 127 actos, o 60% delas non militantes da organización. "Unha experiencia moi valiosa que reflicte dúas cuestións: que hai moita xente con inquietude sobre o que está a pasar no país e que hai moita xente que ve no BNG un instrumento útil para canalizar estas inquietudes no plano político", resumiu o voceiro nacional do Bloque

A acollida desta iniciativa leva o BNG a "converter as asembleas abertas nunha canle de permanente diálogo coa cidadanía", para "escoitar as súas propostas e críticas, incorporando tanto ideas, como persoas" para "ampliar a base nacionalista e conformar unha alternativa de goberno ao PP". Por iso, tal e como avanzou Vence, o proceso que naceu coa mirada posta nas municipais transcenderá agora este marco electoral.

O proceso que naceu de cara ás municipais transcenderá agora a outros marcos electorais

"Máis aló das eleccións municipais, queremos que sirva para reforzar un proxecto político en clave nacional e de esquerda, e de transformación social para darlle futuro ao país", explicou Xavier Vence, quen subliñou que as asembleas abertas permiten compartir o proxecto do BNG "coa base social que quere ter forzas políticas propias e unha alternativa diferente para este país para as municipais e máis a longo prazo".

O seguinte paso destas asembleas será a creación de grupos de traballo para elaborar o programa electoral das municipais cos participantes nestas asembleas. Vence asegurou que houbo unha "variedade de cuestións" abordadas nelas, "incluídas críticas ao traballo do BNG", pero destacou o "sentir maioritario" transmitido polos participantes respecto diso de que Galicia "necesita un proxecto político de país, con forzas políticas propias, tanto para concorrer ás eleccións municipais como de face ao futuro".

Vence asegura que "non houbo propostas para incorporarse a iniciativas de carácter meramente local"

"Non houbo propostas para incorporarse a iniciativas de carácter meramente local", afirmou Vence en referencia ás varias mareas atlánticas que están a xurdir en diferentes vilas e cidades do país. "O sentir da inmensa maioría é que se precisa un proxecto de país", insistiu.

Aínda así, Vence explicou que outro dos asuntos "recorrentes" foi a preocupación pola "excesiva fragmentación" do voto nacionalista e de esquerdas, que "beneficiaría o PP". "Hai esa preocupación e compartímola todos. Este proceso forma parte do esforzo do Bloque por integrar, por sumar propostas e persoas para conformar unha alternativa forte, capaz de ilusionar á maioría social e ser referente ante a oferta centralista do PP e do PSOE, e ante as políticas da dereita que arrasan o país", indicou.  

"Unha alternativa forte non é posible nin desde a dialéctica das cúpulas, nin desde a dialéctica da fragmentación até o infinito dalgunhas organizacións"

En canto a isto, asegurou que este obxectivo "non é posible nin desde a dialéctica das cúpulas, nin desde a dialéctica da fragmentación até o infinito dalgunhas organizacións políticas". "Por iso desde o BNG apostamos pola dirección contraria: construír a organización, sumar vontades desde un proxecto político nacionalista plural desde a esquerda para levantar unha alternativa ao PP".

O BNG analizará o resultado das asembleas inseridas no proceso Construíndo futuro no Consello Nacional previsto para o próximo 18 de outubro.

Xavier Vence fai balance das asembleas CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.