O BNG analiza no Parlamento con distintos colectivos "os problemas reais" de Galicia

Nas xornadas celebradas no Parlamento participaron diveros colectivos sociais © BNG

O BNG celebrou este sábado na cámara galega as xornadas Parlamento aberto, ideas para a Galiza que queremos, coa participación de representantes de distintos sectores produtivos e sociais. O portavoz do grupo parlamentario do Bloque, Francisco Jorquera salientou "o alto grado de asistencia e participación".

Para Jorquera, "resulta evidente" que “esa realidade virtual” non se corresponde coa realidade que todos os días palpan os cidadáns

Jorquera manifestou que esta gran asistencia á convocatoria corrobora que “a xente desexa expresarse e participar·, polo que recalcou que "é fundamental que os debates no Parlamento galego reflictan as demandas e problemas reais da sociedade" fronte a esa “televisión de plasma para vender un mundo virtual, á que nos ten acostumados e acostumadas a Xunta de Galiza e o seu presidente". Para Jorquera, "resulta evidente" que “esa realidade virtual” non se corresponde coa realidade que todos os días palpan os cidadáns.

"Galiza está vivindo unha auténtica situación de emerxencia social e nacional, froito de políticas inxustas que utilizaron a crise como pretexto para enriquecer unha minoría e empobrecer a inmensa maioría da sociedade e por un goberno que acepta ser cómplice da submisión do noso país”, denunciou Jorquera.

O obxectivo da xornada era analizar os “problemas reais” dos colectivos sociais e culturais e sectores produtivos diversos

O obxectivo da xornada era analizar os “problemas reais” dos colectivos sociais e culturais e sectores produtivos diversos, dende o sector industrial, o agrario, o pesqueiro, ata colectivos da sanidade, ensino público, na defensa das mulleres e da ecoloxía. Ao longo da mañá foron analizados por diferentes grupos de traballo a destrución dos sectores produtivos básicos, a grave situación demográfica, a emigración xuvenil, o deterioro do ensino e a cultura así como diferentes problemáticas sociais.

Jorquera concluíu que a xornada é "unha aposta por un cambio de marco que dote ao pobo galego de capacidade de decidir sobre os seus asuntos, como ferramenta para  defender o progreso e benestar".

Nas xornadas celebradas no Parlamento participaron diveros colectivos sociais © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.