O BNG aposta pola mobilización cidadá "aberta a todos" para derrotar o PP

Xavier Vence, na súa intervención no Consello Nacional © BNG

O BNG aposta por unha campaña de "mobilización cidadá" contra as "políticas de roubo" perpetradas "pola banca, a troika e o PP". Así o anunciou o seu voceiro nacional, Xavier Vence, tras o acordado polo Consello Nacional, o primeiro tras a renovación dos órganos na última Asemblea Nacional, e do que o líder do Bloque destacou por "integrar unha nova xeración" e por representar "a todas as sensibilidades da fronte nacionalista".

Vence destaca o "espírito de unidade" do BNG e a "integración dunha nova xeración" no Consello Nacional

Vence insistiu no "espírito de unidade" nesta etapa na que o BNG "saca músculo do mellor da súa militancia e cunha gran cohesión".  “O primeiro que cómpre facer é derrotar o PP”, anunciou o voceiro nacional, que apostou por "gañarlle primeiro a batalla das ideas, a batalla social, e convencer o conxunto da cidadanía de que as apostas políticas da dereita europea, española e galega conducen o país ao colapso”.

Entre as iniciativas que porá en marcha o BNG anunciouse unha "campaña de mobilización da cidadanía contra as políticas de roubo perpetradas pola banca, a troika e o PP contra o país e contra a cidadanía", que será aberta "a todos os movementos sociais, sindicais e forzas políticas para sumar forzas e emprender unha batalla que free este proceso de deterioro”.

O Bloque quere "sumar forzas" para "emprender unha batalla que free este proceso de deterioro"

Avanzou que se trata dunha campaña contra a banca “que espolia a cidadanía e persoas aforradoras, que nega crédito á economía produtiva e contra o PP que lexisla e lle dá cobertura ás súas políticas e atende os intereses únicos da elite financeira”. Ao mesmo tempo, Vence destacou que o BNG quere impulsar o proceso de" renovación e de revitalización da conciencia nacional do país" e, para iso, “participará coa cidadanía comprometida coa causa da soberanía de Galiza nun proceso de refortalecemento da conciencia nacional”.

Tamén se manterá a campaña “de denuncia da inmoralidade instalada á fronte da Xunta como consecuencia dos numerosos casos de corrupción que lle afectan ao PP e ao seu financiamento”, sinalou, “pola humillación que representa para o país a vinculación que poñen en evidencia as fotos de Núñez Feijóo co mundo do narcotráfico”.

Xavier Vence, nun Consello Nacional do Bloque © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.