O BNG volveu sufrir un duro golpe. Logo dos malos resultados das pasadas xerais, perdeu máis de 25.000 con respecto a decembro e descendeu en máis de un punto o seu apoio, ao pasar do 4,32% ao 2,90%. Menos do 3% dos votos para unha formación que afronta desde hai anos un importante devalo desde que varias pólas do nacionalismo decidisen abandonar a fronte.
O BNG perde máis de 25.000 votos e queda por baixo do 3%
Con apenas 45.000 votos, o BNG volve quedar sen representación no Congreso malia centrar a campaña en por en valor o seu traballo durante décadas na Cámara Baixa, así como na decepción que para moitos votantes que o abandonar puido supoñer o traballo de En Marea.
En rolda de prensa, a portavoz nacional, Ana Pontón, admitiu os "malos resultados", pero insistiu en "seguir intentándoo" e en continuar "loitando polo proxecto nacionalista", tras destacar que a campaña para as eleccións autonómicas de outon "empeza hoxe". Ademais, agradeceu o apoio de votantes e militantes nun "escenario claramente condicionado polo bipartidismo a catro" e no que, recoñeceu, sabía que as expectativas eran complicadas. "Eramos David contra Goliat", dixo.
"Empezamos desde xa para que o BNG sexa decisivo nas eleccións galegas de outubro", dixo Pontón
"Empezamos desde xa para que o BNG sexa decisivo nas eleccións galegas de outubro. Todos sabemos que as dinámicas non son as mesmas. O noso obxectivo é ser peza chave na derrota do PP", asegurou Pontón, que insistiu no "proxecto diferente" que representa o Bloque, que seguirá "sementando" e apostando "pola existencia de forzas políticas propias sen dependencia das que teñen o centro de decisión en Madrid". "A única batalla perdida é a que non se dá", rematou.