O BNG chama a un Día da Patria "masivo" con "Galiza como centro de actuación"

Lobeira e Prado, en rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

"Galiza pola soberanía". É o lema baixo o que o BNG chama neste 2013 a secundar a súa campaña e, sobre todo, os seus actos centrais do Día da Patria. A "tradicional" manifestación polas rúas de Compostela e o "gran acto político" no que culminará queren, desta volta, transmitir unha mensaxe "contundente", en verbas da secretaria de Imaxe e Campañas da formación frontista, Montse Prado. Dende o propio cartaz, presentado este luns en Compostela, o Bloque procura transmitir que Galicia é o seu "centro de actuación e decisión política" para presentarse ante a cidadanía como a "alternativa nacionalista", cos "intereses colectivos sobre os individiduais" e "sen dependencias".

"Fronte a un Goberno cun balance tráxico", di Prado, o BNG reivindicará o 25 de xullo a necesidade de que o país conte "con poder político acorde coa nosa condición de nación" e por iso lanzan un "convite" a "todas as persoas dispostas a sumarse co proceso de defensa de Galiza". Neste sentido, engade o secretario de organización dos nacionalistas, Bieito Lobeira, o "chamamento" que realiza a organización vai dirixido "a todo o pobo galego", co obxectivo de "popularizar a reivindicación da soberanía" como "auténtica necesidade" fronte ao "lastre" que, afirma, na actualidade supoñen o Estado español e a Unión Europea. 

O BNG aposta por "popularizar a reivindicación da soberanía" fronte ao "lastre" que, din, supoñen o Estado español e a UE

Esa reivindicación, explica Lobeira, mesturarase o 25 de xullo cunha mensaxe de "esperanza, porque podemos saír adiante". "É viábel e posíbel unha Galiza liberada", abonda o número dous do Bloque, quen avanza que nos actos da Quintana, ademais do portavoz nacional, Xavier Vence, e do secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, intervirán representantes de colectivos especialmente golpeados pola crise económica e as súas consecuencias, caso por exemplo de persoas afectadas polas preferentes, polos desafiuzamentos ou polo desmantelamento do sector naval. Ante a pregunta de se a esas voces se poderían engadir as doutros colectivos nacionalistas Lobeira explica que o BNG "fai o que fixo nos últimos 31 anos", convocar o seu propio acto, se ben lamenta que "iniciativas" unitarias que están a agromar aínda non teñan "madurez" dabondo. En calquera caso, di, o Bloque fai un exercicio de "responsabilidade" e o seu ánimo é "aberto".

Neste contexto, antes do propio día 25 a formación frontista disponse a celebrar actos por todo o país e, ademais, distribuirá "milleiros de bandeiras nacionalistas" co obxectivo de que nesa xornada sexan penduradas "nas xanelas e balcóns das vilas e cidades" galegas e a mobilización sexa "masiva". Ademais, como vén sendo habitual, o Bloque tamén participará activamente na organización e celebración do Festigal, o festival que combina música e actos políticos e sociais durante o propio Día da Patria e na xornada previa.

Cartaz do BNG para os actos do 25 de xullo CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.