O BNG comeza en Santiago as presentacións municipais para "pór fin a catro anos negros"

Vence, con Cela e o resto da candidatura CC-BY-NC-SA BNG Santiago

"Pór fin a catro anos negros". É a intención que este xoves lanzou o candidato do BNG á alcaldía de Compostela, Rubén Cela, que coa presentación oficial da totalidade da súa lista encetou a xeira de presentacións que o Bloque realizará en vindeiras datas polo resto do país. Acompañado polo portavoz nacional da formación frontista, Xavier Vence, Cela coida que a capital chegou a un escenario no que xa non abonda con "pasar páxina", senón que cómpre "escribir un novo libro" no que "fronte á corrupción se poña a limpeza e a honestidade e fronte ás malas prácticas, transparencia".

No medio do efervescente panorama electoral compostelań Cela augura que o seu equipo será "decisivo" para "rematar co peor goberno da etapa democrática de Santiago". Á sucesión de escándalos e de tres alcaldes en apenas tres anos engadiuse, ao seu xuízo, a "incapacidade manifesta e pésima xestión do día a día". Neste escenario, subliña, o BNG aposta por levar ao Pazo de Raxoi "diálogo e participación veciñal fronte a arrogancia e autoritarismo, vivenda pública fronte á especulación urbanística" e "fronte aos recortes e á falsa austeridade, investimentos produtivos e política social".

Do mesmo xeito, ás portas da súa segunda campaña electoral na cidade o alcaldable do Bloque ve tamén urxente frear a "censura e apagón cultural" do mandato comezado por Gerardo Conde Roa e finalizado por Agustín Hernández. O consistorio, di, terá que volver traballar en "máis e mellor creación" e "no apoio á nosa lingua e á nosa cultura" dende a perspectiva que a "capital desta nación" debe facer avanzar "o conxunto do país" sen caer no "localismo estéril e inútil". "Galiza -conclúe- non se pode entender sen Santiago e a cidade non se pode reconstruír sen Galiza".

Vence apela á "experiencia" de goberno do Bloque nos "mellores momentos como cidade" para Compostela

Nun acto apoiado polo escritor Suso de Toro, que se adhire á candidatura do Bloque e non "ás dos partidos madrileños" porque "queremos que Galiza exista como país", Xavier Vence apelou á "experiencia de goberno" da formación en Compostela nuns anos que, dende o seu punto de vista, supuxeron "os seus mellores momentos como cidade". "Esta candidatura ten solvencia, ten ideas e ten proxecto para devolverlle á cidade o que foi" e, asemade, "conta con grupo de mulleres e homes que senten Santiago e, aínda sen teren o carné do Bloque, apostan por esta candidatura para derrotar o PP.

Para o líder do Bloque a encabezada por Cela é unha candidatura "plural", "fiel reflexo do que é a propia cidade". Sobre esta base, augura, as eleccións de maio serán "o primeiro chanzo para mudar o actual réxime", obxectivo para o que, salienta, cómpre "desaloxar do poder a política de recortes de servizos públicos e sociais, de liberdades e dereitos que impón o PP".

Asistentes ao acto CC-BY-NC-SA BNG Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.