O BNG comparte coa esquerda portuguesa a oposición á "troika" no 25 de abril

Vence e Lobeira, con Joana Mortagua (Bloco), na Asemblea da República CC-BY-NC-SA BNG

"Defender a nosa economía produtiva fronte aos mercados e fronte á troika". Esta é, en verbas do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, unha das "coincidencias entre o discurso da esquerda portuguesa" e as "reivindicacións dos nacionalistas galegos" que, por primeira vez, a formación frontista compartiu en Lisboa durante os actos oficiais do 25 de abril. Convidada polo Bloco de Esquerda, unha delegación do Bloque formada polo propio Vence, polo secretario de organización, Bieito Lobeira, e pola eurodeputada Ana Miranda acudiu á capital portuguesa para conmemorar o trixésimo noveno aniversario da Revolução dos Cravos e unirse aos seus postulados.

Dende o convencemento da "necesidade de conquistarmos a soberanía nacional, a capacidade de decidir", Vence coida que "o futuro de Galiza tamén depende do futuro de Porutgal", toda vez que a "gravísima situación" que padece o país veciño, "sumido no empobrecemento", é "consecuencia das políticas de retallamentos da UE e da troika". Ese, di, non é máis ca un "espello do que nos vén enriba" e por iso, argumenta, se fai necesaria a "defensa da liberdade e da democracia que a troika está a arrasar" tanto en Portugal "como en Galiza" e no resto da "periferia europea".

En Portugal, "ao igual que acontece no noso país", di Vence, "a dereita está a baleirar as institucións e a devaluar as regras de xogo da democracia, dinamitando o poder de decisión para favorecer os mercados". En ambas marxes do Miño faise "recaer o peso da profunda crise, causada polas finanzas especulativas e os mercados globais desregulados e non polas persoas, na inmensa maioría social, que está a sufrir grandes recortes en materia de salarios e pensións e que sofre, tamén, a privatización dos servizos públicos". "Portugal está intervido pola UE e a troika e Galiza está intervida pola UE, pola troika e polo Goberno central", conclúe Vence, unha circunstanica, que di, fai necesario recuperar a máxima de que "o pobo é quen máis ordena".

Vence: "Portugal está intervida pola UE e a troika; Galiza pola UE, a troika e o Goberno central"

Tras participar na sesión solemne da Asemblea da República a delegación nacionalista reuniuse con representantes do Bloco de Esquerdas. Tras esta xuntanza, Vence, Lobeira e Miranda participaron na mobilización central do Día da Liberdade, unha "convocatoria unitaria" de diversos axentes políticos e sociais "contra a asfixia social da troika contra o pobo".

Vence, Miranda e Lobeira, na manifestación de Lisboa CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.