O BNG comprométese a garantir praza no ensino público "para todos os nenos"

Ana Pontón, portavoz nacional e candidata do BNG á Xunta CC-BY-SA BNG

A candidata do BNG á presidencia da Xunta,, Ana Pontón parabenizou a Feijóo tras coñecer a súa paternidade. No comezo do curso, a candidata nacionalista asegurou que o Bloque garantirá que “todos os nenos e nenas deste país, incluído o fillo ou filla do candidato do PP, terá unha praza no ensino público con independencia de que Feijóo aposte polo ensino privado”.

O BNG asegura que garantirá "que todos os nenos teñan praza no ensino público, incluído o fillo de Feijóo"

O BNG, recalcou Pontón, aposta polo “ensino público, de calidade  e gratuíto” e denunciou que a maioría das familias non poden asumir o custo de levar os seus fillos a unha gardería, escola infantil ou colexio privado. "Hoxe hai 3.000 familias sen praza no ensino infantil de 0 a 3 anos, 2.300 docentes menos e 49 escolas públicas pechadas mentres foron creadas 243 aulas no ensino concertado grazas ás políticas de Feijóo", denunciou a candidata do Bloque.

Ante esta situación, Pontón chamou a abrir “un tempo novo” para a educación que "durante estes anos padeceu importantes recortes en recursos e medios". "Temos a oportunidade de apostar polo ensino público e garantir un futuro para a xente nova deste país", rematou a candidata do BNG, partido que lembrou que a súa aposta educativa pasa polo investimento do 7% do PIB no ensino, a eliminación dos concertos educativos ou a gratuidade dos libros de texto. 

Ana Pontón, candidata do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.