O BNG confía no "efecto Pontón" e en que a "onda de simpatía" se traslade ás urnas

Peche de campaña do BNG en Vigo CC-BY-NC-SA BNG

O "efecto Pontón". A iso se agarra o BNG desde que comezara a campaña e, sobre todo, desde que o debate da CRTVG a cinco destapase a boa valoración dunha candidata, Ana Pontón, que maioritariamente foi sinalada como a mellor tras o seu cara a cara con Feijóo. Rebelándose contra as enquisas e reclamando o voto "rebelde", o Bloque presume de campaña "con propostas, en positivo, baseada na ilusión e na confianza do país". E valeuse tamén do valor da forza propia fronte a uns contrincantes que, en máis ou menos medida, requiriron a líderes estatais. 

O BNG reivindica o "voto rebelde" e confía na "remontada" tras unha "campaña en positivo"

“O mellor para Galiza está por vir o 25 de setembro da man do BNG”, asegurou este venres en Pontevedra Ana Pontón, que chamou aos indecisos a "que non se resignen e confíen na papeleta do Bloque, a das persoas que queremos unha Galiza con igualdade, sen desemprego, sen corrupción, sen gobernos entregados aos intereses de empresas, un goberno ao servizo dos galegos e galegas e ese é o noso compromiso con este país”. 

E, tanto nun acto á mañá na Universidade da Coruña como despois, advertiu que "toda a simpatía que eses días a cidadanía galega transmitiu ao BNG debe agora traducirse en votos ao proxecto do Bloque" logo de percibir o medre da "ilusión" arredor da súa formación durante estes últimos quince días. 

Xa en Vigo, no peche de campaña, pediu o apoio "a todas as persoas que queiran deixar atrás a Galiza triste e gris de Feijóo e construír unha “Galiza viva e de oportunidades” na que vivir e traballar con dignidade. "Calquera sabe que na súa vida para saír adiante precisa confiar en si mesmo, e nós, colectivamente, tamén necesitamos confiar no que somos capaces de facer como pobo”, subliñou.

"Toda a simpatía que eses días a cidadanía galega transmitiu ao BNG debe agora traducirse en votos ao proxecto do Bloque"

Xogou tamén a baza da experiencia parlamentaria de Pontón o BNG, que confía na remontada e que aspira a ser a "clave" na derrota do PP. Insiste a formación nacionalista en que é con eles con quen os populares e Ciudadanos se disputan os últimos escanos en todas as provincias. E cren que unha recuperación do seu voto será o que incline a balanza cara a un goberno de cambio. Un cambio, ademais, que non pon en dúbida a candidata. "Serei a primeira en chamar a Villares e Leiceaga se Feijóo perda a absoluta", aclarou quen insistiu en advertir que o Bloque "non cometerá a irresponsabilidade de Podemos e PSOE ao darlle unha vida extra a Feijóo no Estado". 

É aí onde tamén pon as súas esperanzas o Bloque: en recuperar boa parte deses votos que nas últimas convocatorias electorais se lle fugaron cara á abstención ou cara a En Marea. Sabe ben que lograr que o menor número de sufraxios á súa opción acaben perdéndose sen representación será chave para acadar un cambio político. 

Asistentes ao peche de campaña do BNG en Vigo CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.