O BNG demanda no Congreso a destitución do delegado do Goberno

Samuel Juárez CC-BY-NC-SA Minhap

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e a deputada Rosana Pérez, veñen de presentar unha proposición non de lei na Cámara Baixa que insta o Goberno a destituír o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, por “incompetencia demostrada para exercer o seu cargo” e polas “manifestacións antidemocráticas”.

O Bloque acusa a Juárez de "actitudes antidemocráticas" e de "difundir calumnias" contra a súa formación política

Segundo Davila, “o Señor Juárez demostrou a súa incompetencia tanto pola estratexia represora antes as persoas e colectivos que se manifestan pública e democraticamente, como polas expresións irrespetuosas ante actos de resistencia pacífica, ou polas súas actuacións antidemocráticas ao difundir calumnias contra forzas políticas co único obxectivo de desprestixialas”.

A deputada do BNG engade tamén que a xestión do delegado do Goberno “destaca polo aumento da represión, ao incrementar de xeito abusivo os expedientes sancionadores”. Ademais, segundo unha nota de prensa, acúsao de insistir “nunha estratexia de limitación de liberdades e dereitos fundamentais, e as súas expresións irrespetuosas como cando “denominou “bárbaros” as persoas concentradas diante da casa dunha persoa maior en A Coruña que ía ser desaloxada”, en referencia ao caso de Aurelia Rey.

"Juárez insiste nunha estratexia de limitación de liberdades e dereitos fundamentais", di o BNG

Ademais, Davila chega a aludir ao perfil público da rede social Facebook e destaca que Juárez "figura asociado a un grupo denominado Por la supresión de la autonomía catalana" e lembra tamén a entrevista nun diario onde falaba de Resistencia galega e do BNG sinalando que lle "gustaría ver pola súa parte (BNG) unha condena máis clara e máis inequívoca”.

Davila cualifica estas declaracións de “falsas, substentadas nunha enorme mintira coa que se pretende criminalizar unha organización democrática como o BNG, que sempre se distinguiu por rexeitar a violencia”. A portavoz nacionalista engade que a insistencia do delegado do Goberno “demostra que son afirmacións feitas a propósito para causar un dano á imaxe e percepción pública do BNG”.

Para Davila “é impropio que unha autoridade pública, que exerce a representación do Goberno central na Galiza e ten importantes responsabilidades, ataque de maneira tan insidiosa e infundada a unha organización política democrática”.

Rosana Pérez, en pé, xunto a Olaia Fernández Davila no Congreso © Congreso dos Deputados
Samuel Juárez CC-BY-NC-SA Minhap

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.