O BNG esixe que Galicia asuma Salvamento Marítimo: "Con outro Prestige, estariamos peor"

Acto do BNG ante a torre de control marítimo da Coruña CC-BY-SA BNG

O BNG insiste nesta campaña en que Galicia asuma a competencia en materia de Salvamento Marítimo e loita contra a contaminación mariñas porque "ninguén coñece mellor o noso litoral" e porque o Estado "segue unha política de recortes e privatizacións que pon en risco a vida da xente do mar".

“De volverse producir un accidente como o do Prestige, estariamos en peores condicións que hai unha década”, denuncia Pontón

“De volverse producir un accidente como o do Prestige, estariamos en peores condicións que hai unha década”, denunciou nun acto ante a torre de control marítimo da Coruña a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, que criticou un "desleixo" que "ten consecuencias moi claras" nunha Galicia onde, lembrou, dáse "a taxa de sinistraliedade marítima máis alta de europea, con máis accidentes con riscos graves de contaminación e cando o 80% das vítimas do Estado no mar son galegas”. 

“Non podemos continuar xogando coa vida da xente no mar para que empresas sigan facendo negocio co salvamento marítimo e as nosas costas sigan desprotexidas”, engadiu Pontón, que lucía unha camiseta de Nunca Máis, e que cre que os datos son a proba de que "algo se está a facer mal". Por iso, insistiu, o BNG "reclama competencias". 

“Será unha das liñas vermellas da negociación cun futuro goberno do Estado, para que nunca máis teñamos que saír á rúa a protestar contra as mentiras e a incompetencia dun goberno central”, concluíu a portavoz nacional do Bloque.

 

Petición de debate en Galicia

Por outra banda, Pontón instou a catro forzas políticas en Galicia a un debate no que estean presentes Feijóo, como presidente do PP, Pilar Cancela, como presidenta da xestora do PSdeG, e Alexandra Fernández, portavoz de En Marea no Congreso, e ela mesma. A voceira do BNG cre que "os galegos e as galegas teñen dereito a saber antes do 26-X que propoñen esas forzas políticas para Galiza, as do bipartidismo guai e as do bipartidismo carca". "Facemos unha proposta moi clara: que TVG organice catro debates provinciais en horario de máxima audiencia, pero tamén un debate electoral no que os e as líderes das forzas políticas galegas dean a cara", dixo. 

Pontón propón un debate en Galicia entre os líderes de PP, PSdeG, En Marea e BNG

Ademais, en Ourense, a candidata do BNG, Noa Presas, adveriu que "non van calar" o Bloque a respecto da negativa a última hora do PP e do PSOE de participar no único debate televisado coas candidatas pola provincia para todo o país previsto para este martes (en V Televisión).

“Nin Frutos nin Viso pintan nada no seu partido, é obvio que serán brazos de madeira en Madrid ao servizo de Sánchez e Rajoy. Non queren que se falen de Ourense porque se cadra nestes case seis meses tampouco foron quen de elaborar propostas políticas específicas. Se teñen medo de confrontar ideas nun debate é que non as teñen”, explicou Presas esta mañá despois dun reparto do programa electoral do BNG na rúa do Paseo.

Acto do BNG ante a torre de control marítimo da Coruña CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.