O BNG fai autocrítica e anuncia que "cambiará o necesario" para recuperarse

Executiva Nacional do BNG © BNG

Cambiando un chisco o discurso do BNG domingo á noite, Guillerme Vázquez, voceiro nacional, recoñeceu que os resultados da súa formación nos comicios autonómicos foron "malos sen paliativos" logo da reunión da Executiva Nacional . O portavoz recoñece que o descenso en cinco escanos coloca o Bloque "nunha situación moi difícil", polo que anunciou a convocatoria para o vindeiro sábado dun Consello Nacional e a a apertura dun "proceso de reflexión colectiva amplo e profundo que nos permita mudar o que sexa necesario para mellorar como organización e volver contactar cos cidadáns”. Xa que logo, non descarta nin tan sequera cambios orgánicos e/ou políticos.

"Os resultados son malos sen paliativos e estamos nunha situación moi difícil"

Guillerme Vázquez confirmou tamén que Francisco Jorquera será o voceiro do BNG no Parlamento. E ante os resultados obtidos este domingo, que cualifica de "moi malos", di que "o BNG ten a súa liña propia que vai seguir defendendo" ainda que cumpra "un periodo de reflexión". Preguntado por un posible entendemento con Beiras, o voceiro nacional do Bloque afirma que "os camiños do señor son inescrutábeis".

Ademais, preguntado polos xornalistas sobre se o BNG responsabiliza a Beiras dos malos resultados da formación nacionalista, logo dun polémico discurso na noite electoral, o voceiro nacional aclarou que "en ningún caso". "Nós aceptamos o resultado e agora temos que procurar mellorar para recuperar a confianza da xente. Agardamos que o resultado doutras formacións sirva para contribuír a debilitar a situación de crise na que nos ten metido o PP, os mercados e a señora Merkel”.

"Ábrese unha travesía no deserto na que debemos tomar decisións coa cabeza fría"

Do mesmo xeito, Vázquez asegurou que o BNG vai tomar "humildemente nota" do resultado. "Pedimos desculpas polo que poidemos ter feito mal. Ábrese unha etapa moi difícil, unha travesía no deserto na que debemos tomar decisións coa cabeza fría e tentando superar a situación na que estamos”, dixo con rotundidade, facendo autocrítica e prometendo cambios.

"Galiza corre o risco de camiñar cara á irrelevancia mentres Cataluña e Euskadi reafirman o seu perfil"

O portavoz nacional reiterou os parabéns tanto ao PP como ás restantes organizacións polos seus resultados, lembrando que o PP ten a maioría dos escanos "pero non a maioría do apoio social porque a maioría dos galegos e galegas non referendaron as súas políticas". Neste sentido, advertiu que agoira tempos moi duros no político, no social e no económico, un contexto no que "Galiza corre o risco de camiñar cara á irrelevancia mentres Cataluña e Euskadi reafirman o seu perfil e si terán o seu peso específico".

Guillerme Vázquez tamén aproveitou para volver agradecer á militancia o traballo feito durante a campaña; aos milleiros de galegos e galegas que depositaron a súa confianza no BNG; ao conxunto dos candidatos e nomeadamente a Francisco Jorquera “por terse deixado o mellor de si mesmo neste proceso”.

“Usaremos esa forza que nos deu o pobo para seguir facendo frente ás políticas de Feijóo. Seguiremos apostando polo cambio profundo, por un modelo antagónico ao que representa o Partido Popular”, concluíu.

 

 

 

Executiva Nacional do BNG © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.