O BNG lanza a precampaña municipal con Lores a cantar nun videoclip

Intervención de Lores na cea de Pontevedra © BNG

O BNG exhibiu forza nunha multitudinaria cea con preto de 2.000 persoas este venres no Recinto Feiral de Pontevedra coa que deu inicio á precampaña das eleccións municipais, que se celebrarán dentro dun ano, en maio de 2019. 

Baixo o lema Imos cara adiante, a formación nacionalista xuntou numerosos persoeiros da sociedade de Pontevedra de diferentes ámbitos --empresarial, veciñal, deportivo, social ou cultural-- nun evento de apoio que contou cunha sorpresa. Durante a cea tivo lugar a estrea da canción Segue cara adiante, composta por Gonzalo Maceiras.

O BNG exhibe forza nun acto con preto de 2.000 persoas en Pontevedra co que lanza a precampaña municipal

No tema, o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, fai a súa estrea como cantante acompañado de Mariña, vocalista da banda Furious Monkey House, Cora Sayers, Xaquín Moreda de Maravallada e participantes nos Cantos de Taberna.

No videoclip, gravado pola compañía Producciones Mutantes, os protagonistas percorren espazos emblemáticos de diferentes zonas de Pontevedra. E empeza cun discurso que finaliza co comezo do tema, no que é o rexedor pontevedrés quen inicia o canto. 

O alcalde Fernández Lores debuta como cantante no videoclip presentado no acto deste venres

A canción foi unha das protagonistas do acto no que a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, dixo estar "contenta" ao comprobar como Lores está "máis en forma que nunca". "É un orgullo ter persoas como Lores liderando un proxecto de cidade, que apostou pola potencia de Pontevedra e nos situou a nivel internacional", advertiu que "con orgullo de país" o Bloque ten "todo por gañar", mentres outros partidos céntranse en "navalladas" ou en "intrigas palaciegas". 

Pola súa banda, a concelleira nacionalista en Pontevedra, Ana Gulías, abriu as intervencións gabando un proxecto "común" dun equipo de goberno "cohesionado, honesto e comprometido". Ademais, o alcalde Fernández Lores agradeceu o traballo dese equipo e do propio Bloque. Ademais, asegurou que "o mellor" para Pontevedra "está por chegar" e advertiu de que no modelo de cidade impulsado nos últimos anos collen "todos". 

"É un orgullo ter persoas como Lores liderando un proxecto de cidade, que apostou pola potencia de Pontevedra e nos situou a nivel internacional", di Pontón

O proxecto Pontevedra, destacou Fernández Lores, non é do alcalde, nin do "magnífico" equipo de goberno ou da "abnegada e entregada" militancia do BNG, senón que é un traballo "colectivo" de todas aquelas persoas "que lle queren a Pontevedra, que queren un futuro mellor e están dispostas a deixar ao carón prexuízos e ataduras e sumar forzas para avanzar".

Neste modelo, engadiu, "collemos todos" e mostrouse convencido de que "o mellor está por chegar", polo que os miles de pontevedreses que apostan por este proxecto "non podemos abandonar" e, entre eles, "eu o primeiro", logrando sumar "cada vez máis xente" para que o avance de Pontevedra "se acelere".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.