O BNG lanza unha campaña a prol dunha resposta "unitaria" ás "políticas crueis do PP"

Vence, con Montse Prado e Bieito Lobeira, na presentación da campaña CC-BY-NC-SA BNG

"Non é unha crise, é un roubo". Baixo este lema o BNG tentará artellar unha "resposta social unitaria" ante as "políticas crueis do PP" que derivan na actual "situación económica grave, case desesperada". O portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, aposta por "xuntar" as diversas "loitas" existentes na actualidade, como as dos "estafados polas preferentes, os desafiuzados, os traballadores" para "poñer a banca no seu sitio" e que "paguen os verdadeiros culpábeis desta situación".

A xuízo do líder nacionalista resulta "urxente tombar a un PP que só lexisla no beneficio da banca" para así impulsar "políticas que permitan poñer os recursos do país a funcionar". "A cidadanía debe rebelarse antes de que sexa demasiado tarde" e esa "rebelión", analiza, debe ser "organizada" e formada por "todos e todas os que non nos resignamos a perder todos os dereitos e consquistas" para "salvar á grande banca especulativa". 

Vence: "Imos quedar sen aforros e sen sistema financeiro que alimente o crédito e o investimento no país"

Algunhas das "consecuencias" das "políticas prexudiciais" que o BNG tentará combater con esta campaña son as sufridas por arredor de 64.000 familias que "están a piques de perder entre 600 e 700 millóns de euros coas quitas das preferentes e subordinadas", algo que no caso galego "equivale ao 1% do noso produto interior bruto". E todo isto "só coa fin de salvar a elite enriquecida e poderosa que empobrece as familias e espolia o país enteiro". "Os galegos e galegas imos pagar" subas de impostos e "ao final imos quedar sen aforros e sen sistema financeiro que alimente o crédito e o investimento no noso país", lamenta.

Neste contexto a campaña que agora inicia o BNG centrarase tamén en amosar alternativas de "reactivación da economía produtiva para obter maiores ingresos e actuar sobre o déficit". Entre estas medidas figura a banca pública "fronte ao rescate da banca especulativa", que "xestione con ética e confianza o aforro dos galegos" e os canalice "cara ao investimento en agricultura, industria, servizos e innovación dentro do noso país". Do mesmo xeito, subliña, cómpre tamén defender "un novo modelo de Unión Europea que garanta a viabilidade produtiva da periferia" fronte a un Banco Central Europeo que está "ao servizo da banca privada" no canto de "financiar os estados".

Vence, con Montse Prado e Bieito Lobeira, na presentación da campaña CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.