O BNG leva ao Congreso a saturación dos trens no Eixo Atlántico

Vence, Fernández e Mera, este luns na estación de Santiago CC-BY-NC-SA BNG

A imaxe repítese recorrentemente, moi especialmente en venres e domingos durante o curso universitario e, en xeral, en datas nas que a demanda é un chisco superior á habitual. O presidente de Renfe, Pablo Vázquez, terá que responder este martes no Congreso da "saturación" que teñen que padecer de xeito habitual as viaxeiras e viaxeiros, moitos deles mocidade, que se desprazan polo Eixo Atlántico utilizando os trens de media distancia. A deputada do BNG Rosana Pérez cuestionarao este martes ao respecto nunha sesión parlamentaria na que, ademais, exporá alternativas para o sistema ferroviario do país que este luns xa expuxo ao pé da estación ferroviaria de Compostela xunto ao portavoz nacional da formación, Xavier Vence.

A xuízo da formación frontista o feito de viaxar de pé ou empregando as propias malestas como asento non só resulta inadecuado en termos económicos ou de consumo, toda vez que as persoas usuarias abonan un billete para viaxaren sentadas, senón que resulta "intolerábel en termos de seguridade". "É necesario -di Vence- un cambio na prestación do servizo de Renfe para que o tren sexa realmente unha alternativa de transporte entre as cidades as vilas". Para comezar, subliña, cómpre "aumentar a frecuencia para ter unha cobertura horaria máis ampla, máis prazas nos horarios con maior demanda e que garantan un asento para todos os usuarios e usuarias". 

Coida Vence que cumpriría tamén unha "revisión das tarifas, porque é imposíbel para as familias a día de hoxe soportar prezos que están entre os 16 e os 25 euros para ir da Coruña a Ourense ou da Coruña a Vigo. Isto sucede, engade Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova, mentres "os mozos e mozas teñen que viaxar de pé nos corredores" cada fin de semana. "É inxusto e, ademais, é inseguro en caso de accidente".

Vence: "É preciso un cambio de filosofía, o servizo de tren non debe estar centrado unicamente en conectar Galiza coa Meseta"

"O que está a pasar, hai que dicilo con claridade, é que Renfe está a vender billetes por riba das prazas e iso non se pode conseguir", sintetiza Rosana Pérez, quen lembra ademias que o propio Ministerio de Fomento "se atreve a dicir que é seguro viaxar desta maneira". "As equipaxes poñen en perigo aos usuarios sentados nos corredores" ou de pé "sen que case poida pasar nin o revisor". As condicións de seguridade dos convoios xa ficaron "cuestionadas en moitas ocasións, e todos temos na memoria a traxedia de Angrois", salienta.

Así as cousas, o BNG reivindica a creación dunha compañía ferroviaria galega para asumir as competencias no país e, mentres, reprocha que Fomento se "envorque en sacar fotos ao lado das obras do AVE" mentres "segue a eliminar as estacións como Pontecesures, Catoira e Padrón, ás que deixa sen servizo". "É preciso un cambio de filosofía no servizo de tren neste país, que non debe estar centrado unicamente en conectar Galiza coa Meseta, senón tamén un servizo de tren de cercanías que permita que o tren sexa tamén unha alternativa de transporte público", o que "debe facerse dende aquí, cunha xestión e unha empresa ferroviaria galega".

Vence, Fernández e Mera, este luns na estación de Santiago CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.